DISTINCIÓNS
O BNG presenta un recurso contra a designación do conselleiro de Cultura como “Valedor da Rosa”
O nomeamento incumpre o regulamento municipal de Protocolo, que impide outorgar este tipo de distincións a altos cargos en activo
Gustavo Barcia denuncia irregularidades na tramitación do decreto e lamenta que o PP designara unilateralmente as persoas distinguidas
Mos, 11 de xuño de 2024. O Grupo Municipal do BNG de Mos presentou unha serie de alegacións en resposta á recente aprobación do "Decálogo de Compromisos das Persoas Valedoras da Orde da Rosa de Mos". O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, expresou a súa preocupación pola falta de base legal e procedemental desta nova distinción honorífica.
O decreto da alcaldía polo que se establecen as “normas” de obrigado cumprimento para as persoas e institucións distinguidas, en opinión de Barcia, “non só carece de fundamento normativo, senón que tamén ignora os procedementos establecidos polas ordenanzas municipais”. O documento foi aprobado, nunha comisión extraordinaria de Cultura, cos únicos votos a favor do PP e o rexeitamento explícito dos dous grupos da oposición.
As cinco persoas e a entidade elixidas para recibir a dignidade de “Valedoras da Rosa” foron elixidas de maneira unilateral polo goberno de Nidia Arévalo. O listado non foi sometido a votación e entra abertamente en contradición coa normativa municipal ao incluír ao actual conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza, José López Campos, quen leva só tres meses no cargo.
O “Regulamento de Protocolo e distincións do Concello de Mos” aprobado en 2016, establece explicitamente que, “coa excepción do Rei”, ningunha distinción poderá ser outorgada “a persoas que desempeñen altos cargos en calquera administración pública”. O portavoz do BNG lamenta que non se buscara o consenso de todos os grupos políticos do Concello e cre que o PP “pretende saltarse os requirimentos formais e democráticos que establece a ordenanza municipal”.
Anulación
Gustavo Barcia insiste en que “todo o procedemento está inzado de irregularidades” e solicita, en consecuencia, a súa anulación. “En todo caso, deberían abrir un novo proceso administrativo e xurídico que se adecúe á normativa vixente, se realmente é a vontade do goberno crear esta nova distinción no Concello de Mos”.
A creación da Orde é, en opinión de Barcia, “un exemplo máis de como o PP intenta apropiarse da Festa da Rosa”. O concelleiro xa amosara o seu desacordo coa decisión unilateral de trasladar as actividades incluídas na programación á contorna do Pazo de Mos e o Consello Local do BNG tomou a decisión de non acudir aos actos institucionais do 13 de xuño. “Están creando enfrontamento e división en torno a unha celebración que debería servir para unirnos”, lamenta Barcia.