CONVENIO DE CESIÓN
O BNG oponse ao “dereito de veto” do Bispado sobre o uso do torreiro de Pereiras
De acordo co convenio subscrito co Concello, a Igrexa ten potestade para decidir o tipo de actividades que se poden celebrar no recinto
Gustavo Barcia pon en dúbida a legalidade do acordo e advirte, ademais, de que a Diocese “non acreditou a propiedade dos terreos”
Mos, 23 de xullo de 2024. O grupo municipal do BNG presentará unha moción, no pleno do Concello de Mos, na que se insta ao goberno a revisar o convenio de colaboración subscrito coa Diocese de Tui-Vigo para a cesión do torreiro de Pereiras. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, declarou que “este acordo vai en contra dos intereses da veciñanza”, ao entender que lle concede á Igrexa un poder de veto “inaceptable” sobre un espazo público.
De acordo co documento, asinado polas dúas partes o pasado mes de xaneiro, a Diocese cede ao Concello o torreiro de Pereiras e algúns terreos adxacentes por un período de 50 anos. A cambio, o goberno municipal comprométese a mellorar a accesibilidade e a pavimentación na contorna da igrexa e o cemiterio. A finalidade última do acordo é poñer os terreos ao servizo da comunidade, mais ao finalizar o prazo estipulado, a propiedade reverterá á Diocese.
Entre outros aspectos que son obxecto de polémica, o grupo municipal do BNG pon en dúbida a legalidade da décima cláusula do convenio, onde se establece que “a Diocese de Tui-Vigo poderá exercer dereito de veto ao uso dos espazos cedidos fronte a aquelas actividades que puideran ir contra a moral e a fe católica”. En opinión de Barcia, “unha institución laica, como é un Concello, non pode aceptar que un evento público sexa obxecto de censura por parte das autoridades eclesiásticas”.
O portavoz do BNG expresou o seu temor ante a posibilidade de que se produzan “situacións anacrónicas máis propias da Idade Media ca do século XXI” e puxo varios exemplos. “Se unha asociación cultural decide organizar un concerto que o párroco considere blasfemo ou unha festa do porco ao espeto durante a Semana Santa, a veciñanza perderá o dereito a utilizar un espazo rehabilitado con fondos públicos”.
A propiedade dos terreos
As irregularidades denunciadas polo BNG van máis alá do dereito de veto episcopal. Gustavo Barcia advirte de que “a titularidade dos terreos non está acreditada” e indica que en moitos casos “os adros parroquiais, os torreiros e as propias igrexas adoitan ser de propiedade veciñal”. Considera que Pereiras non debe ser unha excepción, xa que a Diocese non presentou ningunha documentación para demostrar que a parcela era súa.
Barcia denuncia que, nas actuais circunstancias, a sinatura do convenio “só beneficia ao Bispado”, xa que dentro de 50 anos disporá legalmente dunhas propiedades, que actualmente apenas teñen valor, nas que se vai realizar un investimento público dun millón de euros. Por este motivo solicita que se comprobe, a través dos servizos municipais, a titularidade dos terreos afectados.
En caso de o torreiro sexa, efectivamente, unha propiedade episcopal, o BNG reclama a anulación do actual acordo e a redacción dun novo convenio no que a Diocese doe os terreos a cambio de que o Concello arranxe o adro e o cemiterio parroquial. De producirse unha negativa por parte do Bispado, Barcia insta a abrir un expediente de expropiación “que permita converter eses terreos en dominio público para uso e desfrute da veciñanza de Pereiras”.