PROTESTAS VECIÑAIS
O BNG pide solucións ante os problemas de convivencia na piscina de San Eleuterio
A veciñanza vén denunciando, xa dende o ano pasado, o uso inadecuado dos espazos comúns e presenza de vehículos mal estacionados
O portavoz nacionalista Gustavo Barcia, reclama medidas de control do aforo e unha maior vixilancia por parte da Policía Local
Mos, 14 de agosto de 2024. A reapertura da piscina ao aire libre de San Eleuterio trouxo consigo novas protestas veciñais ante os problemas de convivencia derivados do mal uso das instalacións. O grupo municipal BNG de Mos mantivo un encontro con residentes da urbanización onde puido constatar o malestar existente ante a inacción do goberno, xa que as queixas veñen rexistrándose, como mínimo, dende o ano pasado.
O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, advirte de que “tanto a alcaldesa como a concelleira de Deportes teñen pleno coñecemento desta situación” e pide “solucións máis alá das promesas incumpridas”. Algunhas das actitudes denunciadas pola veciñanza teñen que ver co ruído e coa masificación dos espazos comúns, xa que non existe ningún tipo de control do acceso, pero os problemas esténdense tamén ao exterior do recinto.
Nos días de máis calor, a piscina de San Eleuterio recibe a visita de decenas de persoas, procedentes tanto de Mos como doutros concellos da contorna. Esta elevada afluencia de visitantes trae consigo problemas de mobilidade na contorna das instalacións, derivados principalmente da presenza de vehículos mal estacionados. Barcia sinala que “algúns condutores aparcan, con total impunidade, en zonas restrinxidas ou mesmo diante dos portais”. Por este motivo, o portavoz do BNG reclama unha maior presenza da Policía Local.
Mala planificación
En opinión de Barcia, “moitos destes problemas solucinaríanse co establecemento dalgún mecanismo de control do aforo”. Dende o goberno comprometéranse, o ano pasado, a adoptar algunha medida neste sentido, pero estas promesas non se traduciron en ningunha actuación concreta. Barcia lamenta, por outra parte, a “mala planificación” do goberno á hora de construír unha piscina municipal “sen espazo suficiente, sen aparcadoiro e sen zonas de sombra”. Na súa opinión, “só buscaron a foto, sen pensar no día despois nin no mantemento das instalacións”.