AS PROMESAS INCUMPRIDAS DO PP

O BNG de Mos denuncia os incumprimentos co Colexio de Atín

Escaleiras do CEIP Atín
Escaleiras do CEIP Atín

Hai dous anos o BNG presentara xa unha moción reclamando solucións para ás carencias de seguridade nas instalación

O aparcadoiro, a entrada e o peche do recinto escolar seguen igual a pesar das promesas do goberno do PP

O BNG de Mos denuncia os incumprimentos co Colexio de Atín

 O BNG de Mos denuncia o reiterado incumprimento das promesas do goberno municipal do PP sobre as obras pendentes no CEIP de Atín. Hai xa dous anos, o portavoz do grupo municipal do BNG, Miguel Anxo Aldea, presentara unha moción na que solicitaba, entre outras melloras, o arranxo da parcela municipal situada a carón do centro escolar, co obxectivo de que puideran acceder a ela tanto aoutobuses coma vehículos privados. Con esta reforma, poderíase facer unha nova entrada a través do campo de deportes, evitando a longa e empinada escaleira que se emprega hoxe en día.

Dende entón, non se fixo nada para facilitar o acceso ás instalacións. Dous anos despois, os autobuses seguen sen poder acceder á entrada principal e o alumnado ten que empregar a diario unha penosa e perigosa entrada lateral.

Naquela moción, o BNG solicitara tamén o arranxo do peche perimetral, que segue presentando un estado lamentable, con buracos polos que poden entrar animais e mesmo saír os escolares durante a xornada lectiva.

Promesas baleiras

Dous anos despois todo segue igual e a promesas do goberno de Nidia Arévalo quedaron baleiras. As obras, que teoricamente se ían acometer cando a Xunta rematara o paseo que fixo pola zona, nunca comezaron e, coma sempre, o goberno municipal do PP mira para outro lado.

A inseguridade segue sendo enorme para os escolares, e o BNG reitera a súa solicitude para que se leven a cabo as obras. En opinión de Miguel Anxo Aldea, “a prioridade para o goberno sábese que non é esta, sobre todo en período electoral, tempo no que se busca un rendemento político rápido aos gastos”. O portavoz do grupo municipal do BNG reclama ao goberno do PP “menos fotos propagandísticas cos escolares e máis seguridade para as persoas".