NON AO MACROPROXECTO DO CELTA

O BNG presenta no Parlamento Galego a súa iniciativa contra o macroproxecto do Celta

O deputado Luís Bará reclamará no pleno deste mércores, 21 de novembro, a retirada da proposta de modificación da Lei do Solo

O BNG de Mos participará na concentración convocada para o próximo venres na praza do Concello

O BNG presenta no Parlamento Galego a súa iniciativa contra o macroproxecto do Celta

    O BNG presentará no Parlamento Galego a súa iniciativa contra o macroproxecto do Celta este próximo mércores, 21 de novembro.O deputado Luís Bará reclamará no pleno a retirada da proposta de modificación da Lei do Solo que a Xunta coou na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2019, coa que se pretende legalizar a expropiación dos terreos e posterior privatización para a construción da cidade deportiva e o centro comercial.

Na iniciativa parlamentaria, o BNG insta tamén á Xunta a rexeitar a autorización da modificación do Plan Xeral de Mos para evitar unha desfeita social, ambiental e económica e solicita unha moratoria na autorización de macrocentros comerciais. Luís Bará pedirá explicacións, ademais, sobre o procedemento seguido polo Goberno Galego, que ofreceu apoio público a un proxecto privado e de carácter lucrativo promovido por unha empresa privada.

Apoio á concentración do venres

O BNG de Mos trasladou unha invitación para asistir ao pleno do mércores en Santiago aos representantes das comunidades de montes e as traídas de augas afectadas. Ademais, o Consello Local anunciou o seu apoio á concentración convocada para este venres ás 20:00 horas na Praza do Concello de Mos, convocada pola Comunidade de Montes de Tameiga e as Comunidades de Augas de Casal-Tameiga, Petelos-Tameiga, Montebaixiña e Sanguiñeda.

Dende a presentación do proxecto, o BNG amosou a súa oposición frontal á construción dunha cidade deportiva e unha gran superficie comercial nos montes de Cela, Pereiras e Tameiga. O compromiso medioambiental, a defensa do comercio local e os dereitos da veciñanza son cuestións prioritarias para a formación nacionalista.

Óscar Rodriguez Campo

Responsábel local do BNG

mos@bng.gal

Telf.: 608088383