DEPORTES

O BNG solicita o acondicionamento da pista deportiva do Cotiño en Dornelas

O grupo municipal nacionalista trasládalle ao goberno as demandas veciñais para reparar as instalacións, substituír as porterías e colocar canastras de baloncesto

O concelleiro Alberto Barreiro lamenta que o PP anuncie obras con “infografías propagandísticas” mentres esquece as infraestruturas deportivas abandonadas

O BNG solicita o acondicionamento da pista deportiva do Cotiño en Dornelas

Mos, 14 de febreiro de 2024. A veciñanza da parroquia de Dornelas, en Mos, leva anos solicitando a reparación da pista deportiva do Cotiño. A maleza medrou de maneira descontrolada na contorna das instalacións, ata o punto que traspasou xa o peche perimetral e invadiu a superficie de cemento destinada á practica deportiva. Por outra parte, tanto o valado metálico como as porterías están totalmente enferruxadas.

O grupo municipal do BNG trasladoulle á Concellería de Deportes, Parques e Servizos Públicos as demandas veciñais para acondicionar as instalacións. O concelleiro nacionalista Alberto Barreiro denuncia que “o estado de abandono da infraestrutura supón un auténtico perigo” para as persoas usuarias. Indica, ademais, que ata hai poucos anos a pista do Cotiño “eran un punto de encontro habitual para os rapaces e as rapazas da zona” e lamenta que o seu progresivo deterioro levara á mocidade a buscar outras alternativas.

Xunto á limpeza da parcela e á súa contorna, o BNG solicita tamén a reparación do peche perimetral e da porta de acceso, así como a substitución das porterías existentes. Alberto Barreiro propón ademais a colocación de canastras de baloncesto “para ampliar a oferta e a utilidade da instalación” e reclama que se habilite tanto unha caseta de vestiarios como un sistema de iluminación que facilite o uso do equipamento ao longo de todo o ano. 

 

“Afán propagandístico”

O concelleiro do BNG considera que “nun concello tan disperso, amplo e rural coma o de Mos, ter estas pistas deportivas espalladas polas nosas parroquias debe ser motivo de orgullo”. Defende a súa utilidade como “espazos de lecer nos que a veciñanza pode socializar” e cre que o goberno municipal debe garantir que sirvan para celebrar actividades tanto lúdicas coma deportivas “sen o perigo que supón ocupar os camiños ou as estradas”.

O abandono da pista do Cotiño e doutras infraestruturas deportivas contrasta, en opinión de Barreiro, co “afán propagandístico do PP por anunciar novas obras para as que tan sequera hai prazos de execución definidos”. Pon como exemplo a publicación, en plena campaña electoral das autonómicas, dunha infografía do proxecto de reforma do pavillón Óscar Pereiro, “cando o único que fixeron foi pedirlle unha subvención á Xunta”. Denuncia que “destinan miles de euros a propaganda mentres son incapaces de manter as infraestrururas existentes”.

O BNG solicita o acondicionamento da pista deportiva do Cotiño en Dornelas