VÍAS E OBRAS

O BNG vai pedir explicacións pola demora das obras na contorna de San Eleuterio

IMG-20190726-WA0030

O goberno do PP anunciou publicamente o fin dos traballos, pero a veciñanza leva case un mes agardando

O Camiño da Levantada segue sen asfaltar no treito comprendido entre a Escola Infantil de Coto Torrón e a incorporación á autovía

O BNG vai pedir explicacións pola demora das obras na contorna de San Eleuterio

 O BNG de Mos vai preguntar no pleno de hoxe pola demora nas obras de mellora da rede viaria na contorna da urbanización de San Eleuterio. Varios membros da equipa de goberno de Nidia Arévalo anunciaran publicamente a fin dos traballos hai case un mes, na véspera das festas do barrio, pero a veciñanza segue agardando coa reforma a medio facer.

 O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, indica que “a calzada segue sen pintar e os puntos de luz aínda non foron instalados”. Ademais, á espera de que se reinicien os traballos, o treito do Camiño da Levantada comprendido entre a Escola Infantil de Coto Torrón e a incorporación á autovía A-55 segue sen asfaltar. Esta situación, en opinión de Barcia “está a provocar molestias á veciñanza nunha das zonas con maior densidade de poboación do municipio” e supón, ademais, unha ameaza para a seguridade viaria.

Acabáronse as présas

 O concelleiro do BNG lamenta a falta de interese do goberno do PP en completar un proxecto iniciado hai meses e contrasta a situación de parálise das obras en San Eleuterio coa “voráxine de gasto” que se viviu na véspera dos comicios do 26 de maio. Na súa opinión, ”parece que ao goberno se lle acabaron as présas unha vez que revalidou a súa maioría na corporación municipal”. Barcia lembra, ademais, que “aínda non sabemos cales serán as consecuencias para a economía municipal de todo aquel malgasto electoralista” e reitera a súa preocupación ante as sucesivas demoras na presentación da liquidación de 2018, “que nos permitiría ter unha idea aproximada de cal é o estado real das arcas municipais”.

O BNG vai pedir explicacións pola demora das obras na contorna de San Eleuterio