GRAZAS

CARTA DE AGRADECEMENTO Á MILITANCIA E A TODA A XENTE QUE CONFIOU NO BNG DE MOS

Non foi posible mudar o goberno municipal, pero o BNG ampliou os seus apoios e seguirá dando voz no Concello ás demandas da veciñanza

Imos seguir traballando dende a oposición, con enerxías renovadas, para construír un Mos novo

CARTA DE AGRADECEMENTO Á MILITANCIA E A TODA A XENTE QUE CONFIOU NO BNG DE MOS

A noite electoral non foi unha noite feliz para o BNG de Mos. Logramos ampliar os nosos apoios entre a veciñanza, con máis de 900 votos e unha suba do 20% respecto ás eleccións municipais de 2015, pero non foi posible acadar o noso principal obxectivo: mudar o goberno municipal e as políticas caciquís do Partido Popular.

Durante os últimos quince días e durante os catro anos do mandato que acaba de concluír traballamos arreo para explicar as nosas propostas, poñendo sobre a mesa os problemas reais da xente de Mos e ofrecendo solucións realistas para construír un concello mellor. Lamentablemente, non poderemos levalas á práctica dende o goberno, pero seguiremos tendo voz na corporación municipal, da man de Gustavo Barcia, para darlle visibilidade ás necesidades da veciñanza e denunciar as irregularidades que, moito nos tememos, seguirán sendo unha tónica habitual na acción do goberno.

A pesar de todo o arsenal propagandístico despregado polo Partido Popular, do acoso á veciñanza, da manipulación en medios de cumunicación e redes sociais, do malgasto

electoralista de fondos públicos en obras cosméticas e innecesarias durante as últimas semanas... a pesar de todo isto, Nidia Arévalo non foi capaz de ampliar a súa maioría absoluta. O BNG quedou a moi poucos votos de sumar un segundo concelleiro a costa do PP, demostrando, máis unha vez, que o noso era o verdadeiro voto útil.

O esforzo da militancia, dos simpatizantes e de todos os membros da candidatura fixo posible que ampliáramos a nosa base de apoio, por iso queremos expresarlles o noso agradecemento a eles e a toda a xente que participou nos actos de campaña do BNG. A partir de agora, tócanos seguir traballando e ímolo facer con enerxías renovadas para construír un Mos novo. Se non foi desta, será dentro de catro anos, pero o cambio vai chegar. E vai chegar da man do BNG.

Moitas grazas a todas e todos os que depositastes a vosa confianza no BNG. Non vos imos decepcionar.

Óscar Rodríguez Campo
Responsábel local do BNG

Gustavo Barcia Seijo
Concelleiro electo do BNG

Mos, 27 de maio de 2019

 

CARTA DE AGRADECEMENTO Á MILITANCIA E A TODA A XENTE QUE CONFIOU NO BNG DE MOS