ECONOMÍA

Gustavo Barcia denuncia o “gasto desmedido e sen control” do goberno de Nidia Arévalo

O Partido Popular solicitou un recoñecemento extraxudicial de máis de 900.000 euros para pagar facturas acumuladas no caixón

O portavoz nacionalista advirte de que a previsión de ingresos no orzamento de 2020 non se axusta á realidade do padrón municipal

Gustavo Barcia denuncia o “gasto desmedido e sen control” do goberno de Nidia Arévalo

    O goberno do PP solicitou este luns, no pleno do Concello de Mos, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 917.973,34 euros, unha cifra coa que se pretende afrontar o pagamento de centos de facturas de exercicios anteriores acumuladas nos caixóns. O portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cre que esta operación é consecuencia da “nefasta xestión do goberno de Nidia Arévalo”, pero optou pola abstención na votación “para non deixar a autónomos e pequenas empresas sen cobrar durante meses ou mesmo anos por culpa da irresponsabilidade do Partido Popular, que contrata obras e servizos sen contar con crédito orzamentario”.

 O portavoz nacionalista no Concello lembrou no pleno que o recoñecemento extraxudicial de crédito é “unha figura extraordinaria pensada para pagar facturas que non tiveron consignación nos orzamentos e que están ligadas a gastos sobrevidos, como por exemplo unha emerxencia”. Na súa opinión, esta solicitude “compromete a estabilidade económica do concello”, xa que o montante de boa parte das facturas impagadas dos anos 2018 e 2019 irá a cargo dos orzamentos de 2020. Gustavo Barcia denuncia que esta situación é consecuencia dun “gasto desmedido e sen control” por parte do PP de Mos.

Previsión irreal de ingresos

 O orzamento do Concello de Mos para 2020 foi aprobado inicialmente en novembro de 2019 e o BNG presentou 12 emendas co obxectivo de melloralos, pero todas elas foron rexeitadas polo Partido Popular. Do mesmo modo, o BNG presentou unha alegación ás contas, xa que a previsión de ingresos non se axusta á realidade do padrón municipal. O orzamento contempla unha recadación de 1.900.000 euros en concepto de IBI urbana, pero en 2019 esta cifra foi de pouco máis de 1.500.000 euros. O incremento para este ano debería ser, en consecuencia, do 25%, unha cifra que Gustavo Barcia considera“ totalmente inxustificada e irreal”. A pesar desta advertencia, o goberno de Nidia Arévalo rexeitou no pleno a alegación do BNG.

Gustavo Barcia denuncia o “gasto desmedido e sen control” do goberno de Nidia Arévalo