Luís Bará, no Parlamento Galego: “Quérense apropiar do monte de Mos para facer negocios”

Luís Bará
Luís Bará

Representantes da comunidades de montes de Tameiga asistiron á sesión na que se debateu a proposta do BNG contra o macroproxecto do Celta

O deputado afirma que “no documento de avaliación ambiental hai máis de 30 razóns para botar abaixo o proxecto”

Luís Bará, no Parlamento Galego: “Quérense apropiar do monte de Mos para facer negocios”

O deputado do BNG Luís Bará presentou no Parlamento Galego unha iniciativa contra a construción dunha cidade deportiva e un macrocentro comercial en Cela, Pereiras e Tameiga, nunha sesión á que asistiron representantes da comunidades de montes de Tameiga, xunto ao candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia.

Bará cualificou de “falcatruada, cacicada e chanchullo” o proxecto e advertiu de que os promotores da iniciativa “queren apropiarse do monte para facer negocios”. Na súa intervención, pediu explicacións á Xunta polo procedemento para sacar adiante o proxecto, xa que “primeiro se realizou o anuncio e despois púxose en marcha a maquinaria política para perpetrar as expropiacións”.

Desde a tribuna, o deputado do BNG insistiu en que detrás deste proxecto están “os grandes grupos internacionais que levan anos sobrevoando como voitres a zona de Vigo” e indicou que hoxe o Celta ten un propietario, “pero no futuro pode ser propiedade dun fondo de investimento catarí ou dun fondo chinés”.

Ana Pontón con duas das afectadas polo macroproxecto do Celta

O PP evita dar explicacións

Na súa resposta, o deputado do PP Alberto Pazos evitou dar explicacións sobre as irregularidades do proceso de tramitación, que cualificou de “actuación urbanística absolutamente normal” e tratou de desviar a atención cara a outros temas que nada teñen que ver co macroproxecto que o Celta pretende desenvolver en Mos. Os votos en contra do PP impediron que prosperara a iniciativa do BNG.

Luis Bará referiuse a Tameiga como a “aldea gala” que está a facer fronte aos intereses dos grandes grupos empresariais apoiados polo goberno do PP e lembroulle ao deputado popular que “a veciñanza de Mos está concienciada e está unida en contra deste proxecto”. Amosou, ademais, as súas dúbidas sobre a viabilidade da modificación do Plan Xeral, xa que no documento previo de avaliación ambiental “hai máis de 30 razóns para botar abaixo o proxecto”.

Óscar Rodriguez Campo

Responsábel local do BNG

mos@bng.gal Telf.: 608088383