Imprimir

O BNG reitera a súa oposición á construción dunha cidade deportiva e un centro comercial

BNG de Mos | 22 de setembro de 2019

O documento que Nidia Arévalo quere someter a votación no próximo pleno contempla a expropiación dos terreos

O portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia, considera que “a alcaldesa vai da man dos especuladores e vira as costas á veciñanza”

A pesar da forte oposición veciñal, o goberno do PP pretende levar ao próximo pleno a modificación puntual do PXOM coa que se quere legalizar a construción dunha cidade deportiva e unha gran superficie comercial no monte de Tameiga e Pereiras. O proxecto que se vai someter a votación contempla a recalificación de máis de 900.000 m2 de terreos de protección forestal, 100.000 máis dos que estaban previstos inicialmente e o BNG considera que, de saír adiante, suporá “unha desfeita ambiental, social e económica”.

O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, considera que “a alcaldesa está a enganar á veciñanza cando di que non vai haber expropiacións” xa que ese é, precisamente, o procedemento para a adquisición dos terreos estipulado no documento inicial. Afirma tamén que as cifras relativas á creación de postos de traballo, á recadación de impostos ou ao investimento en infraestruturas ligadas ao proxecto que se anuncian dende o goberno municipal “non son realistas”.

Pouca antelación

En opinión de Barcia, “resulta chocante que Nidia Arévalo, tras asinar o pacto dos alcaldes polo medio ambiente, pretenda asfaltar e encher de formigón case un millón de metros cadrados de monte”. O portavoz do BNG insiste en que con este proxecto a alcaldesa “vai da man dos especuladores e vira as costas á veciñanza”. Lamenta, ademais, o escaso tempo dispoñible para analizar a documentación, que foi remitida aos grupos da oposición apenas dez días antes da celebración do pleno. Indica que son “decenas de documentos e centos de folios” relativos a unha modificación do PXOM que pode condicionar de forma drástica o futuro de Mos.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica-local/bng-reitera-sua-oposicion-construcion-dunha-cidade-deportiva-centro-comercial/20190922210339000937.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Mos