O BNG de Mos presenta unha moción de apoio ás persoas que reciben pensións do estranxeiro
Os grandes defraudaores andan libres e aos pensionistas se lles presiona
Moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro.
Estes requirimentos, que tamén indican a obriga a realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, estanse producindo nos últimos días de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas, tamén a veciños e veciñas do noso concello.
Hai que constatar que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte destas, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.
Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían. E cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas.
A única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente as persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas.
Mos a 03 de xullo do 2013