1.807 GRAZAS
O BNG de Mos acadou un resultado histórico nestas eleccións municipais. Duplicamos o número de votos de 2019 e triplicamos a nosa representación. Obtivemos máis dun 20% do apoio veciñal, pero estivemos moi lonxe de acadar os nosos obxectivos. Aspirabamos ao cambio de goberno, a poñer fin a unha forma caciquil de facer política que distingue entre persoas de primeira e de segunda. Queriamos, e queremos, poñer o goberno ao servizo da xente e non dos especuladores. Pero esta vez non foi posible.
Atendendo ao resultado das urnas, vainos tocar seguir na oposición e farémolo como o fixemos ata agora. Fiscalizando o labor do goberno e realizando propostas construtivas para facer un concello mellor. Presentámonos a estas eleccións cun proxecto sólido e levaremos as medidas do noso programa ao pleno, aínda que sabemos que é moi difícil que saian adiante.
Contaremos con tres actas na nova corporación municipal. Gustavo Barcia, Sara Samartín e Alberto Barreiro serán a voz de toda a veciñanza que cre que Mos merece máis. Traballarán arreo para conseguir mellores servizos e máis calidade de vida no noso concello. No último mandato, cun só concelleiro logramos converternos na forza de referencia da oposición. Con este grupo municipal lograremos consolidar o noso proxecto para liderar o goberno en 2027.
O crecemento electoral do BNG foi posible grazas ao traballo de todo un equipo sobrado de ganas, ilusión e capacidade. Nos últimos anos, foron moitas as persoas que se sumaron ao proxecto do BNG porque viron que era a alternativa máis sólida para construír un Mos mellor. Temos que reiterar o noso agradecemento a toda esta xente, pero tamén e sobre todo aos 1.807 veciños e veciñas que confiaron na nosa candidatura. Non vos imos defraudar.