COMUNICADO
O 25-N NON É UNHA FESTA
O BNG de Mos rexeita os actos baleiros de contido que o goberno do PP organizou polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Reclamamos unha programación orientada á reivindicación, a reflexión social e a concienciación sobre a importancia da educación en igualdade
A manifestación mais xeneralizada, a nivel mundial, de violación dos dereitos humanos é a violencia que día a día, en todas as partes do mundo sofren as mulleres e as nenas polo simple feito de selo. Os actos de violencia rexístranse con independencia do país no que nos atopemos e dos rangos de idade que analicemos. O principal motivo da existencia e a xeneralización da violencia contra a muller é que a sociedade se sustenta nuns cimentos baseados na desigualdade por razón de sexo, tanto a nivel social como gobernamental.
A conmemoración do 25 de novembro está marcada xa dende o ano 1960, tralo asasinato das irmás Mirabal, tres activistas políticas torturadas e asasinadas na República Dominicana. O seu brutal asasinato orixinou fortes protestas no pais e ditas manifestacións en prol da loita contra a violencia machista repetíronse en anos posteriores. Debido á repercusión deste crime a nivel mundial, no ano 2000 a ONU oficializou o día 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Compre sermos conscientes de que os actos de violencia contra a muller materialízanse de todas as formas posibles, non só con maltrato físico. De feito, a maioría dos actos violentos canalízanse pola vía psicolóxica mediante amenzas, insultos, prohibicións ou acoso sexual. A nivel internacional, unha de cada tres mulleres é vítima de violencia polo simple feito de ser muller e a nivel galego dende o 1999 levamos xa 74 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. Ademais, os datos revelan que durante a pandemia, os confinamentos agravaron e incrementaron os casos de violencia sobre a muller, unha realidade preocupante da que non escapa, lamentablemente, o concello de Mos.
Cando falamos dun tema tan importante e de tal relevancia social, o goberno local debe fuxir de actos baleiros e organizados de cara á galería. Facer unha andaina, un concerto e unha degustación de empanadas sen introducir nelas a denuncia social e a educación en valores de igualdade parece algo máis propio dunha “festa” que dunha conmemoración que debería estar orientada á concienciación social e á condena da violencia machista.
Dende o BNG de Mos denunciamos a actitude da alcaldía e de todo o goberno do PP e queremos expresar a nosa repulsa contra calquera acto que “festexe” un día no que unicamente teñen cabida a manifestación, a reflexión colectiva e os actos que procuren a erradicación da violencia e as desigualdades que sofren as mulleres e as nenas. Nese eido, é fundamental realizar xornadas e obradoiros nos centros educativos do concello coa fin de concienciar ás familias sobre a importancia dunha educación baseada no respecto e a igualdade de xénero. Só dende a formación das crianzas poderemos cementar unha sociedade igualitaria e mellor.
Queda moito por facer para gañar a batalla contra a violencia machista. Só coa educación en igualdade e, sobre todo, coa loita de todas, conseguiremos ter algo que festexar o 25 de novembro.
#25Nnadaquecelebrar
Asdo. Comisión de Acción Feminista do BNG de Mos
Mos, 11 de novembro de 2021