ECONOMÍA MUNICIPAL

O BNG denuncia as “medias verdades” do PP sobre a economía do Concello de Mos

Gustavo Barcia hor

O goberno municipal viuse na obriga de aprobar un segundo plan económico financeiro por incumprir a regra de gasto en case un millón de euros.

Gustavo Barcia: “o PP compórtase como un condutor neglixente que viña de saltarse dez semáforos en vermello e agora só se salta cinco”.

O BNG denuncia as “medias verdades” do PP sobre a economía do Concello de Mos

No último pleno do concello de Mos o PP aprobou, unicamente cos seus votos, un segundo plan económico e financeiro despois de incumprir a regra de gasto en case un millón de euros. O goberno municipal viuse na obriga de adoptar esta decisión ao saltarse as medidas impostas por Facenda, por iso o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, non entende o “triunfalismo” á hora de falar das contas do Concello. “Presumen de reducir a débeda bancaria de 14 millóns de euros a cinco, pero foi o PP quen elevou a débeda municipal a cifras récord facendo gastos suntuarios e innecesarios”, indica Barcia. “Non a reduciron por vontade propia, senón porque o Ministerio de Facenda tivo que intervir”.

O concelleiro do BNG denuncia que o goberno de Nidia Arévalo “retorce os números e di medias verdades” ao presumir de que pechou 2019 cunha liquidación positiva, xa que este ano leváronse a pleno tres recoñecementos extraxudiciais de crédito para afrontar o pagamento de máis de 1,6 millóns de euros en facturas, a maior parte de 2019. “Así é fácil ter bos resultados, gardando as facturas no caixón ata o ano seguinte para non computalas cando corresponde”, indica Barcia.

Na súa opinión, “o PP compórtase como un condutor neglixente que viña de saltarse dez semáforos en vermello e agora di que só se salta cinco para facernos crer é un bo condutor”. O novo plan económico prevé unha serie de medidas para reducir gastos como deixar de contratar persoal con fondos propios, licitar os servizos que son prestados ao concello ou solicitar tres ofertas para contratos menores. O goberno municipal comprométese, ademais, a non realizar gastos que non estean incluídos no orzamento, algo que en opinión de Barcia “demostra a irresponsabilidade deste goberno, pois gastar só o que está previsto nas contas municipais é de sentido común”. O portavoz do BNG cre que “de pouco serven estes plans se non se reducen os gastos en cousas superfluas ou innecesarias” e pon como exemplo o desembolso en carpas para festas, chocolate con churros, campamentos do Celta ou vídeos promocionais, partidas que non estaban incluídas no orzamento de 2019.

O BNG votou en contra do plan económico e financeiro por considerar que é insuficiente para atallar a mala situación económica do Concello e solicitoulle ao PP que elaborara un documento máis ambicioso. No pleno, Gustavo Barcia, propuxo limitar o gasto en novos investimentos a cargo do concello no curto prazo e reducir o importe das dedicacións exclusivas e o persoal de confianza, que supoñen máis de 170.000 euros ao ano, pero ambas as dúas medidas foron rexeitadas dende o goberno.

O BNG denuncia as “medias verdades” do PP sobre a economía do Concello de Mos