PROXECTO DO R.C. CELTA

O BNG levará este mércores ao Parlamento as irregularidades da modificación do PXOM

Concentración proxecto Celta

O Grupo Parlamentar do BNG considera que o procedemento seguido é un “exemplo de libro” do uso das institucións para favorecer a unha empresa privada

Nomerosos informes constatan o impacto do proxecto na paisaxe, no patrimonio, nos recursos hídricos, na mobilidade e no clima

O BNG levará este mércores ao Parlamento as irregularidades da modificación do PXOM

O BNG trasladará ao Parlamento Galego este mércores, 18 de decembro, a loita para frear a modificación puntual do PXOM de Mos coa que se pretende legalizar a construción dunha cidade deportiva e un centro comercial nos montes de Pereiras e Tameiga. O Grupo Parlamentar do BNG rexistrou varias preguntas dirixidas á Xunta de Galiza sobre o procedemento seguido para aprobar este documento, que é cualificado no escrito asinado polas deputadas e deputados nacionalistas coma “un exemplo de libro de desvío de poder e uso das institucións para favorecer o interese privado sobre o público”.

O goberno de Feijóo debera xustificar no pleno a súa posición ante unha operación urbanística que ameaza con arrasar case un millón de metros cadrados de solo rústico, gran parte deles de protección forestal. Entre outras cuestións, a Xunta de Galicia debe aclarar se considera xustificada a declaración de utilidade pública para un proxecto privado que ten unha clara intencionalidade lucrativa.

Varios organismos administrativos espuxeron, nos últimos meses, as súas obxeccións ao proxecto. O Instituto de Estudos do Territorio constatou o impacto visual e paisaxístico e cuestionou a construción dunha área comercial; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil amosou as súas dúbidas sobre a afección aos recursos hídricos e aos cursos de auga e a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia informou sobre a afección á rede viaria, concretamente á proposta de variante da autovía Vigo-O Porriño. E estes son só algúns exemplos.

Mención aparte merecen as dúbidas en torno ao procedemento para a adquisición dos terreos. No documento aprobado polo PP no pleno do Concello de Mos fálase abertamente de expropiación, pero a propia Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo xa advertiu de que será preciso xustificar axeitadamente este procedemento, dado que o obxectivo da modificación puntual do PXOM é a implantación de usos e dotacións privadas.

O BNG levará este mércores ao Parlamento as irregularidades da modificación do PXOM