O BNG de Mos advirte de que o orzamento do Concello para 2019 é imposible de cumprir

OrzamentosMos2

As contas municipais están controladas dende 2017 por mor da débeda acumulada e a lei obriga a reducir o gasto en 877.000€

O portavoz municipal do BNG, Miguel Aldea, cre que o Nidia Arévalo “intenta coar como logros económicos as obrigas que impón a lei” 

O BNG de Mos advirte de que o orzamento do Concello para 2019 é imposible de cumprir

 O goberno municipal de Mos vai presentar, no próximo pleno, os orzamentos do Concello para o ano que vén e o Grupo Municipal do BNG, despois de analizar as contas, observa con preocupación que o Partido Popular volve presentar unhas previsións de ingresos e gastos que serán imposibles de cumprir.

A contía máis importante de ingresos é o IBI, cunha recadación que se calcula, para 2019, en dous millóns de euros. A previsión é irreal, xa que é unha cifra imposible de conseguir e este erro non é novo. Nos orzamentos de 2017, o goberno do PP calculaba uns ingresas de 1.880.000 euros e o volume real de ingresos quedou en só 1.360.000 euros.

No apartado de gastos, segue sen aparecer a débeda que ten o Concello coa Mancomunidade, unha institución que iniciou o ano pasado o seu proceso de disolución. O Concello de Mos terá que pagar, en 2019, un total de 124.000 euros de débeda e esta cifra non aparece en ningún lado no orzamento.

En todo caso, o máis sorprendente, para o BNG de Mos, é a memoria da alcaldía que se inclúe nos orzamentos do próximo ano. En opinión do portavoz do Grupo Municipal, Miguel Anxo Aldea, “trátase dun documento propagandístico onde os haxa, co que nos intentan coar como logros as obrigas que impón a lei”.

No ano 2012, debido aos millóns de euros en facturas que o goberno de Nidia Arévalo tiña sen pagar, o Concello viuse na obriga de adherirse ao plan de pagos a provedores e os ministros de Facenda, primeiro Montoro e agora Montero, están vixilantes para que se cumpran eses pagos. En opinión de Aldea, “é incrible que presuman de que van pagar os créditos, como se non puideran deixar de facelo”.

“Desgoberno económico”

O goberno municipal insiste en vender como destacable a orde e a austeridade ás que obriga a lei. Segundo o porta voz municipal do BNG, “o desgoberno económico do PP no ano 2017 levou a que nos teñan que controlar, supervisar e estudar con lupa o orzamento deste ano”. O Concello ten agora a obriga de rebaixar os gastos en 877.000 euros para compensar o remanente negativo do ano 2017.

O goberno municipal está obrigado a elaborar un plan económico-financeiro para os anos 2018-2019, pero como este ano non poden facer nada, optaron por pasar todo o axuste para o ano 2019. Para o BNG, a política económica do PP merece o cualificativo de “desastre” e o portavoz do Grupo Municipal non oculta a súa preocupación ante a situación actual das contas do Concello. “Botamos ás mans á cabeza pensando só na cantidade de facturas que encherán os caixóns o ano que vén, porque non vai haber diñeiro para pagalas”, insiste Aldea.

 

Miguel Anxo Aldea Moscoso

Portavoz do Grupo Municipal do BNG de Mos

Tlf: 628 141 093

O BNG de Mos advirte de que o orzamento do Concello para 2019 é imposible de cumprir