OS RECORTES DO PP

O BNG de Mos denuncia o “brutal” recorte en educación nos orzamentos do Concello para 2019

Snapshot_3

O goberno do PP reduce a partida destinada a esta área case un 20%, pasando de 636.467€ en 2018 a 511.089€ en 2019

O BNG mantivo reunións coas ANPAS dos centros educativos de Mos para coñecer a súa opinión de primeira man

O BNG de Mos denuncia o “brutal” recorte en educación nos orzamentos do Concello para 2019

     O pasado mes de novembro de 2018, o pleno do Concello de Mos aprobou, co voto en contra do BNG, os orzamentos para o ano 2019. Son unhas contas condicionadas polo Plan Económico Financeiro, xa que o Concello incumpriu a Lei de Estabilidade Orzamentaria de 2012 e agora o goberno municipal vese obrigado a retallar o gasto para cadrar as contas.

O BNG denuncia que unha das áreas onde máis se van a notar os recortes do PP é a de educación, xa que a partida se reduce un 19,7% respecto ao ano pasado, pasando de 636.467€ en 2018 a 511.089€ en 2019.

Por apartados, o retroceso máis importante rexístrase na partida destinada a persoal, que se reduce en case 90.000 euros, pasando de 465.467€ a 376.089€. Pero as retalladas non quedan aquí, xa que na área de Mantemento e conservación de colexios pásase de 45.000€ en 2018 a 25.000€ en 2019 e en limpeza pásase de 7.500€ a 5.000€. Para as escolas de verán, a partida redúcese en 2.000 euros, pasando de de 7.000€ en 2018 a 5.000€ en 2019 e na Aula Madruga o recorte é de 1.000 euros, pasando de 6.000€ a 5.000€.

O candidato á alcaldía de Mos polo BNG, Gustavo Barcia, califica de “brutal” esta redución da partida dedicada a educación e lembra que este foi un dos motivos do voto en contra aos orzamentos de 2019. Insiste en que “para o BNG, a educación non é un gasto mais, como pode ser o alumeado de nadal, senón que é un investimento e polo tanto recortar nisto é recortar en futuro e progreso”.

Barcia lembra que “os orzamentos non son só un documento técnico onde se poñen números, senón que tamén se trata dun documento político no que o goberno marca as súas prioridades”. Para o BNG, “esta é a demostración empírica da mala xestión do goberno do PP e quen o vai pagar é a veciñanza de Mos”.


Alternativas aos recortes

Ante esta situación, o BNG de Mos mantivo nas últimas semanas reunións coas ANPAS dos distintos centros educativos de Mos para facerlles chegar a súa opinión sobre o restroceso no investimento en educación e tamén para escoitar e recoller as súas reclamacións, dirixidas tanto ao concello como a outras administracións.

Para o BNG existen alternativas a estas retalladas, pero Gustavo Barcia considera que “non hai a vontade política por parte do PP para facelo”. O candidato lembra que “actualmente existen catro dedicacións exclusivas a 30.000 euros anuais cada unha, así como o soldo da alcaldesa que está preto dos 50.000 euros anuais”. Na súa opinión, “son 170.000 euros onde algo se pode recortar, ou tamén nos 5.000 euros en trofeos que hai nos orzamentos”.

 

Enlace a video: https://www.facebook.com/bng.demos/videos/972463289629753/


 

O BNG de Mos denuncia o “brutal” recorte en educación nos orzamentos do Concello para 2019