PATRIMONIO

O BNG de Mos insiste na necesidade de poñer en valor o castro de Torroso

Castro de Torroso baixa
Castro de Torroso

A alcaldesa comprometérase en 2019 a crear unha Comisión de Patrimonio para recuperar o xacemento, pero non houbo ningún avance

Gustavo Barcia reclamará, no próximo pleno, a asignación dunha partida nos orzamentos de 2022 para a adquisición dos terreos

O BNG de Mos insiste na necesidade de poñer en valor o castro de Torroso

Mos, 30 de agosto de 2021. Non é a primeira vez que o BNG reclama, no presente mandato, unha intervención no castro de Torroso. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, presentara en 2019 unha moción para a recuperación do xacemento, pero a corporación municipal non chegara a debater a iniciativa. A alcaldesa, Nidia Arévalo, solicitara a súa retirada co compromiso de crear unha comisión de Patrimonio onde abordar a cuestión, pero xa pasaron dous anos e non houbo ningún avance ao respecto. Por este motivo, o Grupo Municipal do BNG volverá solicitar, no próximo, pleno unha partida orzamentaria para a escavación e conservación dun dos bens arqueolóxicos máis importantes do concello e de toda Galiza, que actualmente se atopa cuberto pola maleza e exposto a todo tipo de danos.

Gustavo Barcia lembra que “o Plan Xeral aprobado en 2017 recolle o castro de Torroso como un elemento a protexer e recuperar” e lamenta “a falta de vontade do goberno municipal para reverter a actual situación de abandono”. As primeiras escavacións tiveron lugar en 1984 e os traballos estendéronse, ao longo de varias campañas, ata 1990. Naquel ano tiveron que parar, entre outros motivos, porque os terreos eran de propiedade privada e máis de tres décadas despois a situación segue igual. O BNG propón que se asigne, no orzamento municipal de 2022, unha partida de cando menos 50.000 euros para comezar coa adquisición das parcelas. Nun primeiro exercicio poderíanse comprar os terreos do núcleo central do poboado e en anos sucesivos iríanse habilitando novas partidas ata completar a adquisición de todo o xacemento.

Xacemento clave

O castro foi descuberto de maneira casual en 1983, polo veciño de Torroso Manuel Domínguez, cando un temporal arrancou varias árbores e deixou ao descuberto algunhas pezas de cerámica prehistórica. Está datado no período de transición da idade do bronce á do ferro, no século VIII a.C. e o arqueólogo Antonio de la Peña Santos, encargado de dirixir as escavacións, cualificouno como “clave para entender o proceso de implantación do fenómeno castrexo”. Os equipos de investigación apenas tiveron a oportunidade de explorar unha parte mínima do xacemento, pero os resultados foron notables e moitas das pezas localizadas están expostas actualmente no Museo de Pontevedra. O BNG defende a necesidade de recuperar e consolidar os restos do poboado para facelo accesible a toda a veciñanza.

O BNG de Mos insiste na necesidade de poñer en valor o castro de Torroso