O TRABALLO DO BNG

O BNG de Mos reivindica a súa experiencia no goberno

IMG_2474
IMG_2474

Gustavo Barcia lembra que as humanizacións da contorna do Pazo de Mos, Puxeiros ou Sanguiñeda “foron obras impulsadas polo BNG”

Defende o traballo realizado para a construción do Paseo do Louro e anuncia a súa ampliación cara a Louredo e O Porriño

O BNG de Mos reivindica a súa experiencia no goberno

O candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, reivindicou nun encontro coa veciñanza o traballo realizado dende as áreas do goberno dirixidas por concelleiras e concelleiros nacionalistas entre 2003 e 2008. O acto celebrouse a carón do Pazo de Mos, nunha contorna que, tal como lembrou Barcia, “foi peonalizada e recuperada grazas ao traballo de Xosé Carlos Cabaleiro”, exconcelleiro nacionalista que participou tamén no acto e que pecha, nesta ocasión, a candidatura para as municipais. O candidato á alcaldía reiterou, ademais, o seu obxectivo de “trasladar a todas as parroquias a humanización realizada na controna do Pazo”.

Na súa intervención, Barcia comprometeuse a “devolverlle o espazo público ás persoas e crear novos puntos de encontro”. Puxo como exemplo do “modelo de concello do BNG” a reforma dos núcleos urbanos de Sanguiñeda e Puxeiros, obras impulsadas tamén polos nacionalistas.

Contrapuxo o resultado destas humanizacións co da reforma desenvolvida no último mandato, polo goberno do PP, na contorna da rotonda das Angustias. Barcia cualificou de “mausoleo luminoso” a polémica fonte construída no lugar e afirmou que é “unha mostra do complexo de inferioridade de Nidia Arévalo”. Considera, ademais, que era unha obra innecesaria e que supón unha “falta de respecto ás Mulleres Rurais, que traballaran arreo para facer a anterior rotonda”.

Paseo do Louro

Tal como lembrou o candidato á alcaldía, o primeiro tramo do paseo do Louro foi construído tamén cando os nacionalistas estiveron no goberno. Barcia criticou as sucesivas ampliacións e reformas acometidas polo PP, así como a falta de mantemento do mobiliario urbano situado na contorna do río, coma os bancos ou os elementos de ximnasia do parque biosaudable da Pateira, “que están rotos e enferruxados”. Anunciou a súa intención de ampliar o paseo cara a Louredo e O Porriño, pero “respectando os valores naturais do río”. Na súa opinión, “o que fixo Nidia Arévalo foi practicamente asfaltar as marxes do Louro”.

O BNG de Mos reivindica a súa experiencia no goberno