ORGANIZACIÓN

O BNG de Mos renova o seu Consello Local co horizonte posto nas eleccións de 2023

Novo Consello Local
Novo Consello Local

Óscar Rodríguez Campo seguirá á fronte dun órgano de dirección no que se integran algunhas das incorporacións máis recentes da militancia

A Asemblea Local ofreceu o seu respaldo unánime á nova equipa, que afronta o reto de consolidar o crecemento dos últimos anos

O BNG de Mos renova o seu Consello Local co horizonte posto nas eleccións de 2023

Mos, 30 de decembro de 2021. O BNG é a forza política que máis está a crecer en Mos. Os últimos procesos electorais serviron para confirmar a tendencia á alza da formación nacionalista e o respaldo da veciñanza traduciuse, ademais, nun notable incremento de militantes. As cifras convidan ao optimismo de cara ás eleccións municipais de 2023, uns comicios nos que o BNG aspira a aumentar a súa representación na Corporación Municipal para liderar o goberno do Concello. O Responsábel Local, Óscar Rodríguez Campo, obtivo o apoio unánime da Asemblea para seguir á fronte do Consello Local, que se renova para consolidar a liña ascendente dos últimos anos integrando experiencia e mocidade. Deste modo, Sara Samartín será a nova Vicerresponsábel local; Xosé Carlos Cabaleiro “Pescador”, responsábel de Organización; Francisco García Cobas, de Comunicación e Cristina Represas, de Finanzas. Pola súa parte, o concelleiro Gustavo Barcia seguirá á fronte da área de Acción Municipal.

A militancia respaldou, na Asemblea Local, o traballo desenvolvido nos últimos anos a nivel orgánico e institucional. En opinión de Óscar Rodríguez Campo, “o BNG consolidouse como a principal referencia da oposición ao goberno do PP e deu voz, nos plenos e na rúa, a un sector maioritario da veciñanza que está farto da nefasta xestión de Nidia Arévalo”. De cara aos próximos meses, a formación nacionalista tratará de incrementar os contactos co tecido social do concello para consolidar unha alternativa sólida de cara ás eleccións de 2023. “Temos xa moi avanzado o noso proxecto de goberno”, indica o responsábel local, “pero queremos incorporar achegas de distintos colectivos e de veciñas e veciños a título particular para elaborar unha proposta ilusionante e realista capaz de resolver os grandes problemas de Mos”.

Proxecto de futuro

O novo Consello Local do BNG de Mos manterá unha estratexia de continuidade respecto ao traballo desenvolvido nos últimos anos. As liñas mestras da proposta que obtivo o apoio da militancia pasan por seguir poñendo sobre a mesa as necesidades reais da veciñanza e ofrecer un proxecto de futuro para o Concello de Mos, “algo que non ten o PP de Nidia Arévalo”, en palabras de Rodríguez Campo. Neste sentido, o BNG defende a necesidade de abrir o Concello á veciñanza cunha xestión transparente e eficaz, poñer freo ao malgasto e a propaganda, acabar coas políticas sectarias que fomentan a división, resolver o grave problema da ausencia de vivenda, levar os servizos básicos a todos os fogares e garantir un desenvolvemento urbanístico sustentable no que non teña cabida a especulación.

 

O BNG de Mos renova o seu Consello Local co horizonte posto nas eleccións de 2023