ECONOMÍA

O BNG pídelle a Nidia Arévalo que renuncie ao soldo da alcaldía ante a situación crítica das arcas municipais

Alberto Barreiro, Sara Samartín, Gustavo Barcia

En 2022, os gastos do Concello de Mos superaron en 1.100.000 euros os fondos dispoñibles e o goberno terá que facer recortes no próximo orzamento.

A alcaldesa foi elixida senadora nas pasadas eleccións xerais e terá que decidir se prefire cobrar o soldo do Concello ou o da cámara alta.

Gustavo Barcia: “Preocúpanos ter unha alcaldesa ausente, máis pendente dos problemas do PP de Madrid que das necesidades da veciñanza de Mos”.

O BNG pídelle a Nidia Arévalo que renuncie ao soldo da alcaldía ante a situación crítica das arcas municipais

Mos, 25 de setembro de 2023. O goberno municipal de Mos presentará no próximo pleno os resultados da conta xeral do ano 2022. As cifras revelan que o gasto superou en 1.100.000 euros o diñeiro dispoñible nas arcas do Concello e esta situación obrigará a recortar esa mesma cantidade nos orzamentos do próximo ano. O portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, sinala que “a nefasta xestión do PP está a provocar serios prexuízos para a economía municipal” e reclama que se adopten medidas de maneira inmediata.

A alcaldesa xa coñecía estas cifras no mes de abril, antes das eleccións municipais. Por este motivo, Barcia considera “inadmisible” que se aprobara un incremento dos soldos do equipo de goberno en 22.000 euros con respecto ao mandato anterior. “As arcas municipais están nunha situación crítica”, advirte Barcia, “pero o PP segue actuando de maneira irresponsable e o Concello xa empeza a ter dificultades para afrontar os seus compromisos financeiros”.

A primeira medida que reclama o BNG para sanear as contas municipais é que a alcaldesa renuncie ao seu soldo. Nas pasadas eleccións xerais, Nidia Arévalo saíu elixida senadora e agora deberá decidir se prefire cobrar o soldo da cámara alta ou o da administración municipal. “A alcaldesa ten a posibilidade de aforrarlle ao Concello os 50.000 euros anuais do seu soldo”, indica Barcia, “e deste modo pode empezar a tapar, dalgunha maneira, o buraco que ela mesma provocou co gasto desmesurado do ano preelectoral”.

 

Alcaldesa ausente

O portavoz do grupo municipal do BNG afirma que “agora temos unha alcaldesa a tempo parcial” e por iso cre que “o Concello non ten porque seguir asumindo o seu soldo”. As obrigas ligadas ao cargo de Senadora levarán a Nidia Arévalo a pasar moito tempo en Madrid e Gustavo Barcia cre que Mos corre o risco de ter “unha alcaldesa ausente, máis preocupada pola política estatal e as intrigas internas do Partido Popular que polas necesidades da veciñanza de Mos”.

O BNG pídelle a Nidia Arévalo que renuncie ao soldo da alcaldía ante a situación crítica das arcas municipais