COMUNICADO

EN DEFENSA DO IES DE MOS E A EDUCACIÓN PÚBLICA

COMUNICADO

A Xunta de Galiza pretende que o persoal dos centros de ensino asuma a responsabilidade de garantir a saúde do estudantado.

Afrontamos unha situación excepcional que esixe poñer máis recursos humanos e económicos a disposición do sistema educativo.

EN DEFENSA DO IES DE MOS E A EDUCACIÓN PÚBLICA

O BNG de Mos quere expresar, a través deste comunicado, o seu total apoio á equipa directiva do IES de Mos que vén de presentar a súa dimisión, así como a todo o persoal docente e non docente (de administración, limpeza, conserxes, bedeis, etc.). Do mesmo modo, o Consello Local quere reiterar a súa inquebrantable aposta pola educación pública.

Levamos denunciando, dende hai varias semanas a improvisación e o abandono de funcións por parte da Xunta de Galiza e da Consellería de Educación. Dende o goberno galego pretenderon facer recaer sobre os centros educativos e o profesorado non só a responsabilidade de educar, senón tamén a de garantir a súa seguridade e a súa saúde. Todo isto, sen recibir nin o máis mínimo apoio dende as administracións, nin a través dun reforzo de persoal nin en forma de recursos materiais. O nivel de improvisación é tal, que en apenas tres semanas a Xunta modificou as condicións do inicio escolar ata en tres ocasións. Por mor desta falta de planificación, foi preciso atrasar o inicio do curso nos centros de secundaria unha semana.

Hai unha semanas, o persoal sanitario merecía (e merece) o noso aplauso e apoio porque, literalmente, xogáronse a vida por nós. Agora ese apoio tamén llo temos que ofrecer ao profesorado e o persoal non docente que ten que coidar das nosas crianzas, pero non abonda con dar apoio moral. Cómpre poñer o diñeiro e os recursos humanos que sexan precisos para converter as escolas e os institutos en templos de saber e valores, pero tamén en lugares seguros fronte á pandemia.

O Presidente da Xunta non pode facer coma se isto non fora con el e debe poñer todos os medios dispoñibles a disposición da Educación para facer fronte a esta situación. Quizais teñamos que botar un ano ou dous sen inaugurar rotondas con luces de cores ou estradas que non levan a ningures só para saír nunha foto e vender propaganda, pero agora as prioridades son outras. É nestas situacións cando a política con maiúsculas ten que saír a relucir e os “politicallos” deben desaparecer para que os intereses da cidadanía prevalezan sobre o electoralismo.

Por todo isto, o BNG de Mos quere ofrecer todo o seu respaldo a todas e todos os profesionais da Educación Pública, facendo unha mención especial ás equipas directivas dos nove centros públicos do concello. Os membros do Consello Local e o portavoz na corporación municipal, Gustavo Barcia, asumen o compromiso de facer todo o posible para que dende o eido local, provincial, nacional e estatal se atendan as demandas da comunidade educativa. Por dignidade, por saúde e por decencia.

 

Óscar Rodríguez Campo

Responsábel local do BNG

 

Gustavo Barcia Seijo

Portavoz do Grupo Municipal do BNG

EN DEFENSA DO IES DE MOS E A EDUCACIÓN PÚBLICA