O NOSO CANDIDATO
Gustavo Barcia será o candidato do BNG á alcaldía de Mos
Obtivo o respaldo unánime da asemblea encargada de elixir o cabeza de cartel para as eleccións do próximo ano
O candidato agradeceu o traballo realizado por Miguel Anxo Aldea e expresou o seu desexo de contar con el na lista das municipais
O BNG de Mos xa ten cabeza de lista de cara ás próximas eleccións municipais, que se celebrarán o 26 de maio de 2019. A candidatura de Gustavo Barcia recibiu o respaldo unánime da asemblea local electiva celebrada na sede municipal do Bloque e que estivo aberta á participación de militantes e simpatizantes.
Gustavo Barcia Seijo (Mos, 1985), veciño da parroquia de Torroso, leva preto dunha década ligado ao BNG onde ocupou distintos cargos a nivel local, entre eles o de responsable de organización. Está graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo e é Mestre de Música na especialidade de Tuba polo Conservatorio Profesional de Tui. Nos últimos anos destacou pola súa implicación activa na vida cultural do concello de Mos, como membro da Banda de Música Xuvenil de Torroso e da Turres Band, ademais de participar como músico colaborador en distintas agrupacións.
Con este nomeamento, o Bloque Nacionalista Galego renova a súa candidatura de cara á próxima cita electoral sen deixar de lado o traballo desenvolvido polo grupo municipal nos dous últimos mandatos. De feito, tras ser elixido, Barcia quixo agradecer o esforzo do actual portavoz nacionalista no Concello, Miguel Anxo Aldea, de quen dixo que “fixo máis na última lexislatura que os outros sete concelleiros da oposición xuntos”. O candidato manifestou ademais a súa vontade de contar coa presencia de Aldea nun posto destacado da lista para as eleccións municipais.
Xestión transparente e rigorosa
O Consello Local do BNG comezou xa a traballar na confección dunha lista formada por persoas capacitadas e comprometidas coa veciñanza. A candidatura liderada por Gustavo Barcia aspira a gobernar o Concello de Mos de forma eficaz e solvente, cunha xestión transparente e rigorosa que poña fin ao malgasto do goberno do PP. O modelo a seguir será o dos concellos gobernados polo BNG, que defenden un espazo público democrático e pensado para garantir a calidade de vida para as persoas.