COMUNICADO
UNHA VERDADEIRA HOMENAXE
O BNG declinou a invitación para participar nas concentracións convocadas no Concello de Mos para honrar ás vítimas do COVID-19 e ao persoal do SAF.
Por respecto a eles, quedamos na casa. Ter un cargo público non nos exime de cumprir as normas de confinamento
Dende practicamente o inicio desta crise do COVID19, a cidadanía homenaxea ao persoal sanitario saíndo aos balcóns á aplaudir. Un apoio e uns aplausos que son moi merecidos sen dúbida, pero coma sempre hai quen pretende sacar rédito disto. Algúns partidos e cargos políticos montan as súas propias homenaxes ou recepcións a enfermos dados de alta para recibilos, iso si, sempre acompañados polas cámaras de televisión ou os fotógrafos para captar o momento. Todo para converterse, elas e eles, nos verdadeiros protagonistas e non aqueles a quen se pretende render tributo.
O persoal sanitario, o das farmacias, toda a xente que traballa no sector da alimentación, transportistas, agricultores, forzas de seguridade, traballadoras do SAF, docentes que teletraballan dende a casa, profesionais da cultura, xornalistas... e tantas outras presoas que coidan de todas e todos nós. Para toda esa xente, a verdadeira homenaxe é cumprir coas normas de confinamento, tratar de manter o distanciamento social e respectar todas as medidas de seguridade que nos protexen a nós e a quen nos rodea. Ter un cargo público non nos exime de cumprir esas normas. É mais, debemos ser os primeiros en dar exemplo á cidadanía.
Pero tamén a homenaxe será fornecer de material de protección axeitado a todas e todos os que se están xogando a vida nos seu postos de traballo e realizar os test necesarios ás e aos profesionais que está en contacto con persoas de risco. E cando pase esta crise, poñendo os recursos precisos a disposición da sanidade pública e dándolle condicións de traballo dignas ao persoal sanitario, así como reforzar os servizos socias que están facendo un labor sobrehumano.
Facerse unha foto sen facer nada do anterior é simple e pura propaganda, iso non nos vai axudar nin protexer do virus. O que nos vai sacar desta crise vai ser coidar de quen nos coida e para iso temos que quedar na casa.
Só o pobo salva o pobo.
Gustavo Barcia Seijo
Portavoz do Grupo Municipal do BNG