O MONTE É MONTE
Postura do BNG de Mos sobre o macro-proxecto do RC Celta SAD
A postura do BNG de Mos con respecto a modificación puntual do PXOU para a construción do macrocentro comercial e a cidade deportiva do Celta S.A.D.
Como xa é sabido dende hai uns meses vense anunciando o proxecto do presidente do Celta de Vigo para a construción dunha cidade deportiva e un macrocentro comercial en Mos, concretamente nas parroquias de Tameiga e Pereiras. Dende un primeiro momento o BNG de Mos reuniuse coas Comunidades de Augas e de Montes afectadas por este proxecto proporcionándolle toda a información da que depoñíamos. As Comunidades de Augas e Montes de Pereiras chegaron a un acordo co Celta pero as de Tameiga están totalmente en contra.
Unha vez coñecidas as posturas destas asociacións, no BNG de Mos convocouse unha asemblea de militantes este mércores 29 de agosto na cal se adoptou a postura con respecto a este proxecto. A posición é clara: Un total rexeitamento ao proxecto de construción da cidade deportiva e un macro-centro comercial.
As razóns desta rexeitamento son múltiples:
- O BNG ten un proxecto de país no cal non caben macrocentros comerciais que destrúen o tecido comercial do pequeno e mediano comercio, destruíndo mais empregos dos que crean.
- O BNG de Mos quere un concello de futuro onde a ordenación racional e respectuosa co medio ambiente sexa o camiño e non favorecer os intereses de empresas privadas que só miran polo seu beneficio e non o dos veciños e veciñas.
- Para a aprobación deste proxecto hai que modificar o Plan xeral, pero como indica o artigo 34.5 da Lei do Solo para cambiar o uso de rústico protexido, que é a que ten actualmente, ten que ser para un “desenvolvemento urbanístico racional”, e dende logo este proxecto de racional non ten nada.
- Que se use a figura da expropiación coa escusa da utilidade publica para que as administracións se fagan cos terreos para despois “regalarllos” a unha empresa privada que só busca o lucro propio.
Este proxecto dende o principio foi un despropósito, presentouse como algo xa feito sen tan sequera falar cos afectados. Este é un proxecto que non ten consenso social e o malestar dos veciños é evidente, e vemos como a alcaldía deste concello, unha vez mais, non está cos veciños e veciñas se non cos intereses dunha empresa privada. Ademais o BNG de Mos solicitou un informe externo sobre a legalidade do proxecto.
Dende o BNG de Mos a nosa posición é clara queremos un concello para que os veciños e veciñas vivan mellor. Se as empresas queren instalarse en Mos son benvidas pero non a costa de sacrificar a calidade de vida e futuro do noso concello.
Gustavo Barcia Seijo
Responsable de comunicación do BNG de Mos
Tlf: 627448269
30 de agosto de 2018, Mos.