CULTURA

O BNG denuncia a discriminación da Sala Rebullón e a música en galego no reparto de axudas do AGADIC

Reunión tameiga

A deputada Alexandra Fernández mantivo un encontro con representantes da Comunidade de Montes de Tameiga, entidade que xestiona a sala mosense

A xuntanza serviu para abordar outras cuestións, como a creación dunha comunidade enerxética ou a situación do polígono de Monte Faquiña

O BNG denuncia a discriminación da Sala Rebullón e a música en galego no reparto de axudas do AGADIC

Mos, 21 de febreiro de 2022. Algunhas salas de concertos, particularmente as que programan música en galego, expresaron o seu malestar trala publicación das subvencións do AGADIC do ano 2021. Denunciaron que o reparto das dos fondos públicos favoreceu ás grandes salas privadas e discriminou a outras, máis pequenas, que apostan por artistas e bandas galegas. No concello de Mos, por exemplo, a discoteca Queen recibiu 20.000 euros para programar, esencialmente, sesións de DJ mentres a Sala Rebullón, cunha programación estable de música ao vivo, quedou directamente fóra das axudas. A deputada no Parlamento Galego Alexandra Fernández e varios membros do Consello Local do BNG mantiveron unha reunión coa directiva da Comunidade de Montes de Tameiga, entidade que xestiona a sala mosense, para coñecer de primeira man os motivos do seu malestar. O encontro serviu para constatar a falla de apoio institucional por parte da administración galega e municipal.

Dende a Comunidade de Montes denunciaron non só o desdén pola música en galego na asignación das axudas da Xunta, senón tamén as barreiras que lles están a poñer dende o goberno municipal. Recentemente atopáronse coa negativa do Concello de Mos a autorizar un ciclo de concertos patrocinado polo Xacobeo, unha decisión que dende o BNG foi cualificada como “sectaria e inxustificable”. A deputada Alexandra Fernández preguntará no Parlamento polo criterio que se seguiu dende o AGADIC para o reparto das subvencións e lamenta “o desprezo que o PP de Feixóo sente pola produción cultural propia”. Reclamou unha revisión da actual política cultural, “que favorece a artistas de fóra de Galiza e subvenciona grandes eventos orientados ao turismo mentres marxina os creadores e creadoras do país”.

Outras cuestións

No encontro, Alexandra Fernández interesouse tamén pola constitución da comunidade enerxética impulsada dende a Comunidade de Montes de Tameiga, un proxecto que arrancou coa instalación de paneis fotovoltaicos e que se está a ver freado, segundo denuncian os propios comuneiros, por causa das administracións. Tamén se abordou a problemática derivada da renovación dos contratos dalgunhas das empresas instaladas en Monte Faquiña, unha vez rematadas as concesións administrativas que lles permitiron manter a súa actividade durante 50 anos. Respecto a esta cuestión, o BNG denunciou en reiteradas ocasións a “posición sectaria” do PP de Nidia Arévalo, que segue negándose a dialogar coa entidade propietaria dos terreos.

O BNG denuncia a discriminación da Sala Rebullón e a música en galego no reparto de axudas do AGADIC