ENTROIDO

O BNG de Mos lamenta a “desorganización” do entroido e o traslado dalgúns actos ao Porriño

Gustavo Barcia

As bases foron publicadas con apenas dez días de antelación e a celebración volve prescindir do concurso de coplas

Gustavo Barcia cre que sacar certos eventos fóra do concello supón un xesto de “desprezo cara á veciñanza e as parroquias”

O BNG de Mos lamenta a “desorganización” do entroido e o traslado dalgúns actos ao Porriño

Mos, 24 de febreiro de 2022. O Concello de Mos introduciu este ano algúns cambios na celebración do entroido. O máis significativo é a organización conxunta de certos actos co Concello de Porriño, pero hai outras cuestións que se manteñen intactas respecto a edicións anteriores. Unha delas é a ausencia do concurso de coplas, un dos elementos centrais da festa ata hai uns anos, cando desapareceu da programación por decisión do PP de Nidia Arévalo. Para o portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, isto supón “unha demostración do medo que teñen a que a xente se exprese libremente”. O concelleiro nacionalista defende que “o entroido non consiste só en disfrazarse, senón que naceu como unha burla do poder da Igrexa e dos gobernantes”. Por este motivo, cre que a festa “perde boa parte da súa esencia ao prescindir do compoñente humorístico das coplas compostas pola veciñanza”.

O BNG lamenta a “desorganización” do entroido deste ano, xa que as bases foron publicadas o 15 de febreiro, apenas dez días antes da propia celebración. Isto supuxo numerosos inconvenientes para as comparsas e os centros culturais, que levan semanas e mesmo meses preparando os disfraces e os bailes para os desfiles. Gustavo Barcia denuncia que “isto vén sendo así dende hai anos”, pero di que nesta ocasión “o desconcerto foi aínda maior pola gran idea que tiveron, dende a Alcaldía e a Concellería de Cultura, de trasladar o desfile do sábado directamente ao Porriño”. A decisión de sacar este acto fóra do concello supón, na súa opinión, “un xesto de desprezo cara á veciñanza e as parroquias”.

 Colaboración entre concellos

O BNG de Mos está a favor da organización conxunta de eventos co concello do Porriño, pero o portavoz nacionalista insiste en que “a colaboración non pode darse só cando o alcalde é do mesmo partido”. Tirando da retranca propia do entroido, afirma que, “se a dinámica vai ser esta de agora en diante, imos propoñer que se suprima a Concellería de Cultura, xa que polo visto é o Concello do Porriño quen organiza os eventos de Mos”. Deste modo, “poderiamos aforrarnos 33.000 euros dunha dedicación exclusiva e repartir eses cartos entre o tecido asociativo, que é quen realmente fai a cultura no noso Concello”, segundo Gustavo Barcia. “Esperemos que a Festa da Rosa deste ano se celebre polo menos en Mos”, engade.

O BNG de Mos lamenta a “desorganización” do entroido e o traslado dalgúns actos ao Porriño