INFRAESTRUTURAS

O BNG denuncia a “hipocrisía” de Arévalo ao pedir a supresión da peaxe da AP-9

opening

O concelleiro Gustavo Barcia lembra que “o PP gobernou durante máis de 14 anos e non fixo absolutamente nada”.

Só a elección de Néstor Rego como Deputado permitiu avances como a rebaixa das peaxes ou a liberación do treito Vigo-Redondela.

O BNG denuncia a “hipocrisía” de Arévalo ao pedir a supresión da peaxe da AP-9

Esta semana a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, convocou unha xunta de portavoces e pediulle aos partidos da oposición que exerceran presión sobre os seus representantes no Congreso para incluír unha emenda nos Orzamentos do Estado solicitando a liberación da peaxe da autoestrada AP-9 no tramo Vigo-O Porriño. A proposta foi recibida con estupefacción por parte do concelleiro do BNG, Gustavo Barcia, que amosou a súa sorpresa ante “o repentino interese polas peaxes que lle entrou este ano ao goberno municipal”.

Para Gustavo Barcia, “a hipocrisía e a incoherencia do Partido Popular non ten límites”. O portavoz nacionalista no Concello lembra que “o PP gobernou durante máis de 14 anos e non fixo absolutamente nada con respecto a AP-9”. Entende, de feito, que os gobernos do PP en Madrid tomaron decisións que prexudicaron a cidadanía”, como renovación da concesión a Audasa por 25 anos, aprobada en tempos de Aznar, ou a inacción da ministra de Fomento Ana Pastor, deputada pola provincia de Pontevedra, á hora de reformar a A-55 ou poñer freo á suba das peaxes da autoestrada. Foi tamén un goberno do PP, neste caso presidido por Mariano Rajoy, o que se negou a transferir a titularidade da AP-9 á Xunta de Galicia, tal como reclamara por unanimidade o Parlamento Galego a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG.

A alcaldesa de Mos solicita a liberación da autoestrada en 2020, xusto no ano en que por fin se anuncian rebaixas nas peaxes por parte do goberno central ou a supresión das mesmas no treito Vigo-Redondela. Barcia reivindica que “tivo que chegar o BNG ao Parlamento Español, cun só deputado, para conseguir avances neste eido”. Na súa opinión, o PP e o PSOE galegos, con dez deputados cada un, “só piden que se faga algo coa AP-9 cando están na oposición, pero cando teñen que asumir responsabilidades de goberno miran para outro lado”.

O BNG de Mos mantén a mesma postura dende hai anos respecto ás infraestruturas: o goberno do Estado debe levantar por completo todas as peaxes da AP-9 e afrontar a reforma da A-55 entre Vigo e O Porriño coa construción dun túnel. Gustavo Barcia anunciou que o seu grupo vai reclamar unha revisión dos orzamentos do Estado para incluír neles maiores investimentos e melloras no concello de Mos e respecto a autoestrada, pediulle ao PP “que abandone o cinismo e se sume ao BNG para pedir a liberalización de todas as peaxes da AP-9”.

 

Declaracións de Gustavo Barcia: https://www.facebook.com/bng.demos/videos/460787981979990/

O BNG denuncia a “hipocrisía” de Arévalo ao pedir a supresión da peaxe da AP-9