HIXIENE DEMOCRÁTICA

O PP négase a debater no pleno sobre os temas que afectan á xente de Mos

A equipa de goberno rexeitou unha moción do BNG sobre a situación de Maderas Iglesias e outra relativa á asistencia sanitaria.

O concelleiro nacionalista, Gustavo Barcia, cre que a alcaldesa “volve demostrar a súa falta de sensibilidade cos problemas reais da veciñanza”

O PP négase a debater no pleno sobre os temas que afectan á xente de Mos

O goberno municipal de Mos non quere debater no pleno sobre temas incómodos. Así o volveu constatar o BNG, que viu como o PP rexeitou dúas das tres mocións que presentou para levar á sesión do 26 de outubro: unha para solicitar a continuidade de Maderas Iglesias e amosar o apoio do concello ao persoal da empresa e outra para reclamar unha mellora substancial na atención primaria e hospitalaria con máis recursos e persoal. A única proposta admitida foi a de reclamarlle á Real Academia Galega que Ricardo Carvalho Calero volva ser o homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2021.

O portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia considera que os argumentos do PP para negarse a debater sobre os temas que máis afectan á veciñanza “non son admisibles”. Dende a equipa de goberno afirman que xa están a facer todo o que se pedía na moción sobre Maderas Iglesias, pero na súa opinión, “vendo a situación crítica na que se atopan a día de hoxe 140 traballadoras e traballadores, dos cales máis de vinte son de Mos, resulta evidente que non se está a facer nada”. O que pedía o BNG era que a corporación municipal instara á Xunta a reunirse coas diferentes partes implicadas para buscar unha solución.

A outra moción, relativa á sanidade, foi despachada co argumento de que “ese tema non é competencia do concello”, pero o portavoz do BNG lembra que “o que di o regulamento do pleno é que as mocións a debate deben ser de interese municipal”. Segundo Barcia, “para o PP a situación do Centro de Saúde de Mos, que dá servizo a máis de 15.000 persoas e está desbordado por mor da pandemia, non debe de ter suficiente interese para ser debatida pola corporación”. Esta é, para o concelleiro, “unha nova demostración da actitude autoritaria e absolutamente insensible da alcaldesa de Mos con respecto aos problemas reais da veciñanza”.

O BNG ten a intención de presentar novamente as mocións por urxencia no pleno, “coa esperanza de que o PP non repita o erro e recoñeza que estamos ante unhas cuestións urxentes e de verdadeiro interese para a xente de Mos”. Barcia anuncia que vai “seguir loitando” para que as necesidades da cidadanía sexan debidamente atendidas e se busquen solucións aos seus problemas, “independentemente de que isto dependa do Concello, da Deputación, da Xunta ou do Goberno do Estado”.

O PP négase a debater no pleno sobre os temas que afectan á xente de Mos