GALIZA NOVA

GALIZA NOVA RECLAMA AO GOBERNO LOCAL DE MOS QUE MUDE A SÚA POLÍTICA DE MALTRATO E DESLEIXO COA LINGUA GALEGA

Diccionariopp
A Organización Xuvenil do BNG mostra a súa indignación polo maltrato que a lingua galega sofre por parte do goberno municipal do Partido Popular.
GALIZA NOVA RECLAMA AO GOBERNO LOCAL DE MOS QUE MUDE A SÚA POLÍTICA DE MALTRATO E DESLEIXO COA LINGUA GALEGA

O pasado luns celebrouse no concello de Mos o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Neste pleno, o goberno local presentou unha moción na que o concelleiro do BNG, Gustavo Barcia, destacou un total de até 15 erros na redacción. Ao tempo, denunciou a ausencia, por decisión do goberno de Nidia Arévalo, dun departamento técnico de normalización lingüística que poida contribuir a evitar estas situacións.

A falla de coidado da administración local coa lingua demostra unha atitude política de total desleixo con respecto das súas obrigas legais en materia de lingua e normalización, o cal é confirmado pola resposta do voceiro do PP, quen afirmou irónicamente que “as faltas de ortografía” foran postas “a propósito” para que Gustavo Barcia tivese “algo que dicir”, no canto de recoñecer o erro e pedir desculpas por el.

Para as moza e mozos de Galiza Nova en Mos resulta inxustificábel que unha institución como o propio Concello manteña tal postura de agravo contra a lingua galega. Para as mocidades nacionalistas “É obriga das administracións públicas fomentar o seu uso en todos os eidos, e sempre coidando a correción, do mesmo xeito que se fai co castelán”, pois sinalan que “a situación actual e as perspectivas de futuro do galego son preocupantes por causa dunha situación de diglosia en favor do español”. Se ben o galego continúa sendo unha lingua popular e viva en Mos, tamén neste Concello se dan dinámicas de substitución do galego do mesmo xeito que noutros municipios da área de Vigo.

Para as xuventudes do BNG “Conservármonos a nosa lingua, que é esencia do noso patrimonio cultural e da nosa identidade propia, exixe, por parte dos poderes públicos, un mínimo respeto pola fala histórica e maioritaria do pobo galego” e fan fincapé en que “Pola contra, o goberno de Nidia Arévalo maltrata de maneira sistemática a nosa lingua propia, demostrando un total desinterese por traballar en favor da normalización do galego”.

Galiza Nova entende que é preciso que o Concello trate con respecto a lingua galega, coidando a súa corrección na redacción de calquera documento e nas intervencións públicas dos representantes municipais. Ademais, esixen que o voceiro popular Camilo Augusto pida desculpas públicamente polo seu comentario, que supón, segundo a organización, “unha ofensa ao noso idioma propio e ó conxunto das e dos mosenses”.

 

Galiza Nova - Organización Xuvenil do BNG

GALIZA NOVA RECLAMA AO GOBERNO LOCAL DE MOS QUE MUDE A SÚA POLÍTICA DE MALTRATO E DESLEIXO COA LINGUA GALEGA