URBANISMO

O BNG leva ao Parlamento Galego as irregularidades da Cidade Deportiva do Celta

Carmela Gustavo Alexandra

A Xunta deberá responder pola implicación persoal de Núñez Feixóo cunha operación urbanística que incumpre a Lei do Solo

A sentenza que anula as licenzas puxo de manifesto a “fragmentación fraudulenta” do proxecto para esquivar a súa avaliación ambiental

O BNG leva ao Parlamento Galego as irregularidades da Cidade Deportiva do Celta

A Xustiza anulou a licenza para a construción da primeira fase da Cidade Deportiva do Celta e a Xunta terá que dar explicacións polo seu apoio a unha operación urbanística manifestamente irregular. O BNG presentou no Parlamento Galego unha pregunta, asinada polas deputadas Alexandra Fernández e Carmela González xunto ao deputado Luís Bará, para coñecer a valoración que o goberno galego realiza sobre a recente sentenza do Contencioso-Administrativo. A resolución xudicial pon de manifesto que os promotores da obra, coa complicidade do Concello de Mos, utilizaron o subterfuxio da fragmentación do macroproxecto en varias fases para esquivar, deste modo, a avaliación en profundidade do seu impacto ambiental e axilizar o inicio dunhas obras incompatibles coa Lei do Solo de Galiza.

Tal como pon de manifesto a sentenza, a administración pública actuou de maneira irregular ao autorizar, a través dunha licenza exprés, a construción duns vestiarios e unhas instalacións auxiliares que non poden segregarse da totalidade do complexo, cualificable como “equipamento deportivo privado” a instalar en solo rústico. Esta artimaña non só contou coa colaboración do Concello de Mos, senón co aval e o apoio explícito do presidente da Xunta, que participou no acto de inauguración da primeira fase do complexo o pasado 28 de novembro. O BNG preguntará, na Comisión 2ª do Parlamento, polas medidas que o goberno galego pensa adoptar a raíz desta sentenza e pola implicación persoal de Alberto Núñez Feixóo cun proxecto que conta cunha ampla contestación social.

Pelotazo urbanístico

O BNG de Mos xa anunciou, a través dun comunicado, que remitirá un escrito á Fiscalía para pedirlle que actúe de oficio e solicitará a creación dunha comisión informativa municipal que investigue as irregularidades cometidas polo PP para favorecer a unha empresa privada “en contra do interese público”. A operación urbanística impulsada polo presidente do R.C. Celta, Carlos Mouriño, presenta todas as características dun “pelotazo” que ameaza con arrasar case un millón de metros cadrados de solo rústico. O seu obxectivo non é outro que obter unha ganancia rápida e fácil mediante a construción dunha cidade deportiva privada á que iría asociada unha gran superficie comercial e todo nuns terreos expropiados a prezo de ganga. Unha operación altamente lucrativa a costa da perda de solo mancomunal e dos valores ambientais do monte.

O BNG leva ao Parlamento Galego as irregularidades da Cidade Deportiva do Celta