COMUNICADO
POR UN DÍA DA ROSA PARA TODA A VECIÑANZA
O BNG renuncia a participar nos actos da festa grande de Mos, convertida por Nidia Arévalo nun evento propagandístico da volta ciclista
Seguimos sen entender porque unha celebración de carácter laico inclúe unha “santa misa” na súa programación ano tras ano
O próximo domingo, 13 de xuño, o concello de Mos celebra a súa festa grande: o Día da Rosa. O BNG foi convidado, como todos os grupos representados na corporación municipal, a participar no acto institucional onde se lerá o pregón deste ano, pero o Consello Local acordou, de forma unánime, declinar o convite por unha serie de motivos que se expoñen a continuación:
- Non podemos aprobar a elección, como pregoeiro do Día da Rosa, dunha persoa totalmente allea ao noso concello como é Javier Guillén. Estamos falando do director de Unipublic, unha empresa con ánimo de lucro que recibe cantidades obscenas de diñeiro das administracións públicas, de forma totalmente opaca, a cambio de levar a Vuelta alí onde poñen cartos sobre a mesa. Xa preguntamos no pleno, en dúas ocasións, polo custo que a volta ciclista ía supoñer para o noso concello e o goberno do PP negouse a contestar de forma reiterada, dando mostra dunha preocupante e absoluta falla de transparencia. Nidia Arévalo quere converter a festa local nun acto propagandístico para darlle respaldo á súa ambición megalómana e ao malgasto de miles e miles de euros de diñeiro público. Nós non lle imos ofrecer o noso apoio de ningunha maneira.
- Seguimos sen entender porque unha festa laica e sen ningunha connotación relixiosa, como é o Día da Rosa, inclúe na súa programación a celebración dunha “santa misa”. Isto vénse facendo así dende a chegada do PP ao goberno e cada ano protestamos polo mesmo motivo: o Concello non debe esquecer o carácter aconfesional da administración pública e das persoas que a representan no exercicio das súas funcións.
- Consideramos que Nidia Arévalo, tralas decisións xudiciais que se fixeron públicas nos últimos tempos, non está lexitimada para presidir un acto institucional destas características. Á sentenza que constata as irregularidades urbanísticas da “Cidade Deportiva” do R.C. Celta hai que sumar outras resolucións contrarias ao Concello, como o arquivo da causa polas presuntas “facturas falsas” da auga ou o das denuncias contra unha parte da veciñanza de Tameiga por “alteración da orde pública”. Insistimos: a alcaldesa debe dimitir, xa que utilizou o seu cargo e os recursos públicos á súa disposición para atacar ás persoas e colectivos que non están de acordo co “pelotazo” urbanístico do PP e Carlos Mouriño.
A nosa ausencia nos actos da festa local non implica que esteamos en contra da súa celebración. É máis, apostamos por reforzala cunha programación participativa, laica e aberta a mosenses e visitantes. Queremos expresar, de feito, o noso total apoio aos colectivos veciñais e sectoriais que foron convidados e que van participar no acto institucional, porque eles si representan ao concello e á veciñanza. Agardamos que comprendan os motivos que nos levaron a rexeitar o convite e queremos desexarlles, de todo corazón, un feliz Día da Rosa.
Óscar Rodríguez Campo
Responsábel local do BNG
Gustavo Barcia Seijo
Portavoz do Grupo Municipal do BNG
Mos, 11 de xuño de 2021