COMUNICADO
MOS NON É ESPECULACIÓN: NIDIA ARÉVALO DEBE DIMITIR
A alcaldesa non só concedeu licenzas irregulares para a Cidade Deportiva do Celta, senón que o fixo conscientemente e actuou como promotora dun pelotazo urbanístico
O BNG vai solicitar unha comisión informativa sobre o proxecto e pediralle á Fiscalía que abra unha investigación sobre a xestión do goberno do PP
A sentenza que anula as licenzas da cidade deportiva do R.C. Celta non nos pilla por sorpresa. Dende o BNG xa advertimos, en reiteradas ocasións, sobre a falla de garantías dos procedementos seguidos para autorizar a construción dos campos de fútbol, os vestiarios e as instalacións auxiliares nuns terreo rústicos de protección forestal. Coa normativa vixente non era posible construír todas as edificacións proxectadas, pero Nidia Arévalo non só o permitiu, senón que o promoveu cando sabía que era algo totalmente irregular. A Comunidade de Montes de Tameiga levou o asunto aos trubunais e agora a Xustiza confirma o que era evidente: o goberno do PP retorceu as normas urbanísticas para favorecer os intereses dos especuladores.
Moito nos tememos que o Concello de Mos presentará recurso contra esta sentenza, porque sempre o fan. Xa levan malgastados miles de euros en accións xudiciais, a cargo das arcas públicas, para defender aos promotores do “pelotazo” e atacar á veciñanza que loita polo monte e a auga. É algo inadmisible e por iso queremos pedirlle á señora Arévalo e á súa equipa de goberno que esta vez non o fagan, que acaten a sentenza e tomen as decisións precisas para restablecer a legalidade urbanística. Algunhas actuacións son dificilmente reversibles, pero aínda estamos a tempo de minimizar os danos.
A construción da cidade deportiva do Celta é froito da megalomanía de Carlos Mouriño e Nidia Arévalo. Na súa obsesión por contentar ao presidente do R.C. Celta, a alcaldesa de Mos pasou por riba da vontade da veciñanza, do patrimonio ecolóxico do noso concello e da propia lei. Dende o BNG solicitaremos unha comisión informativa extraordinaria para que o goberno municipal, ao completo, dea as explicacións pertinentes e pedirémoslle á Fiscalía que actúe de oficio para investigar todo este proceso da “Cidade deportiva”. Cada vez é máis evidente que se cometeron numerosas irregularidades, contrarias ao interese público, para favorecer a unha empresa privada.
Esta sentenza é unha nova mostra das reiteradas chafalladas e falcatruadas cometidas polo Partido Popular contra a veciñanza de Mos. Por este motivo, consideramos que a alcaldesa debe dimitir e asumir deste modo as súas responsabilidades ante un cúmulo de nefastas decisións adoptadas de forma consciente e premeditada.