EDUCACIÓN

O BNG propón a creación dun novo instituto público con Formación Profesional en Mos

IES de Mos
IES de Mos

A iniciativa figuraba entre as emendas aos orzamentos da Xunta e o PP votou en contra dela no Parlamento Galego

Gustavo Barcia reclama, ademais, que se acometan reparacións no actual IES de Mos “para arranxar pingueiras, humidades e roturas”

O BNG propón a creación dun novo instituto público con Formación Profesional en Mos

No pleno do mes de maio, o BNG de Mos presentará ante a corporación municipal unha moción para instar a Xunta á construír un novo instituto público con FP. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, confía en que o resto de grupos políticos da corporación voten a favor dunha proposta que “é de xustiza” e que ofrecería unha solución á saturación de alumnado do actual IES de Mos. Na súa opinión, ademais, a creación do novo centro educativo “suporía un impulso para as empresas e a industria asentada no concello, pois permitiría que o tecido produtivo local participara da formación das rapazas e rapaces, mellorando a súa competitividade e a produción”. Por outra parte, a mocidade mosense ten que trasladarse actualmente fóra do concello para acceder á Formación Profesional e a ausencia dun transporte público eficaz obriga á dispor, na inmensa maioría dos casos, dun vehículo propio para acudir diariamente ás aulas.

O BNG de Mos incluíra, sen éxito, a proposta para a construción dun novo instituto público entre as emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2021. Agora, todos os grupos políticos da corporación municipal deberán tomar posición respecto a unha iniciativa que foi rexeitada polo Partido Popular no Parlamento Galego. Gustavo Barcia amosara a súa sorpresa ante o voto en contra emitido pola deputada Felisa Rodríguez Carrera, veciña de Mos, “sabendo que é unha necesidade e unha reclamación do profesorado, o alumnado e as familias”.

Reparacións no IES de Mos

O actual IES de Mos conta con aproximadamente 640 alumnos e alumnas, unha cifra moi superior á que estaba prevista no momento da súa construción. “O instituto ten xa máis de 25 anos”, indica Gustavo Barcia, “e é imperioso que se acometa unha reparación integral do edificio para arranxar pingueiras, humidades e roturas produto do paso do tempo e o uso”. A substitución das cubertas está xa en tramitación na Xunta de Galiza, pero o BNG reclama tamén a creación de novos equipamentos que actualmente non existen. “A crise da covid-19 puxo de manifesto a necesidade de dotar ao centro dun patio cuberto”, insiste o concelleiro, que lembra que, cando chove, “a rapazada ten que estar practicamente apiñada durante o tempo de lecer”.

 

 

O BNG propón a creación dun novo instituto público con Formación Profesional en Mos