CONCELLO

O BNG considera que a nova dedicación exclusiva do goberno municipal supón un “malgasto inxustificado”

Gustavo Barcia hor
Gustavo Barcia

O crecemento demográfico foi un dos argumentos esgrimidos pola alcaldesa, pero os datos oficiais indican que o concello de Mos está a perder poboación

Gustavo Barcia propuxo alternativas no último pleno e defende que “eses cartos van ser necesarios para facer fronte ás consecuencias da pandemia”

O BNG considera que a nova dedicación exclusiva do goberno municipal supón un “malgasto inxustificado”

O goberno de Nidia Arévalo aprobou, no pleno do mes de abril, unha nova dedicación exclusiva que suporá un gasto extra de 31.800 euros anuais para as arcas municipais. O BNG votou en contra da proposta e o portavoz do grupo municipal, Gustavo Barcia, cualificou o novo salario do concelleiro de Urbanismo e Deportes como “un malgasto inxustificado”, máis aínda cando o Concello está inmerso nun Plan de Axuste Financeiro imposto polo Ministerio de Facenda. “Dende o principio do mandato propuxemos unha redución de soldos mantendo catro dedicacións exclusivas”, indica Barcia, “e a propia alcaldesa recoñeceu, no pleno de organización, que eran suficientes”.

Os argumentos que empregou o Partido Popular para xustificar a quinta dedicación exclusiva foron, en opinión do concelleiro nacionalista, “escusas do máis peregrinas e fantasiosas”. A alcaldesa alegou, por unha parte, que o goberno municipal ten moitos proxectos en marcha, un razoamento que para Barcia non ten validez, xa que “en realidade é o persoal técnico, e non o concelleiro, quen realiza e executa eses proxectos”. Por outra parte, a alcaldesa esgrimiu o “incremento de poboación” como outro dos motivos que levaron a tomar esta decisión, pero as estatísticas oficiais indican que o concello perdeu poboación nos últimos anos. De acordo cos datos do INE, Mos contaba con 15.367 habitantes en 2013, pero en 2020 a cifra caeu ata os 15.063. En sete anos, o censo municipal reduciuse en máis de 300 persoas.

 

Alternativas

Gustavo Barcia insiste en que “o BNG non está en contra das dedicacións exclusivas, pero non deben ser tantas nin tan cuantiosas” e cre que existen alternativas menos custosas para as arcas municipais. “Se efectivamente Urbanismo precisa un concelleiro ou concelleira a tempo completo, podería facerse cargo desa área a actual responsable de Educación e Emprego, Julia Loureiro, que xa conta con dedicación exclusiva e levaba Urbanismo no anterior mandato”. O portavoz nacionalista critica, ademais, o momento no que se adoptou esta decisión e afirma que “eses cartos van ser necesarios para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia”. No pleno do mes de abril propuxo destinar eses 31.800 euros a Servizos Sociais, Cultura ou seguridade viaria, pero as súas demandas foron ignoradas. Para o goberno de Nidia Arévalo, segundo Barcia, “primeiro están os seus soldos e paparotas e despois, todo o demais”.

 

 

O BNG considera que a nova dedicación exclusiva do goberno municipal supón un “malgasto inxustificado”