MONTES

A deputada González Albert denuncia en Mos os ataques da Xunta fronte á propiedade veciñal do monte

IMG_20210424_112026
Ofreceu unha charla que contou coa participación das direcivas das comunidades de montes de Mos e outros concellos da comarca
Cualifica a moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta coma “un convite a que todo o mundo se poña a plantalo antes de que o impidan”
A deputada González Albert denuncia en Mos os ataques da Xunta fronte á propiedade veciñal do monte

A deputada María González Albert, portavoz do BNG na Comisión de Montes do Parlamento Galego, ofreceu unha charla no Pazo de Mos sobre “a defensa do monte galego fronte á nova Lei de Montes”. Durante o debate sobre o novo Plan Forestal, aprobado no mes de febreiro cos únicos votos a favor do PP, a deputada denunciou que o goberno de Feixóo “pon os montes galegos en mans da industria do eucalipto e hipoteca o noso futuro para sempre”, unha idea que reiterou ante os membros das directivas das comunidades de montes de Mos e doutros concellos da comarca. O concelleiro nacionalista Gustavo Barcia exerceu de presentador nun acto que foi retransmitido en directo a través das redes sociais.

O coloquio aberto trala charla serviu para poñer en evidencia o malestar de boa parte do sector coa nova normativa impulsada polo Partido Popular, que en opinión dalgunhas das persoas que interviñeron “esquece a realidade do monte veciñal”. González Albert explicou o modelo alternativo do BNG e defendeu a necesidade de “apostar por unha explotación multifuncional do monte, onde teñan cabida os usos agrícolas e gandeiros”. Unha parte do problema, na súa opinión, reside en que “planifican o ordenamento do monte dende a cidade e aproban leis pensando nos propietarios que viven afastados do medio rural”. Por outra parte, fixo un chamamento á organización das comunidades de montes para defenderse dos ataques da xunta, que “non entende ou fai que non entende o modelo colectivo de propiedade que temos en Galiza”.

“Un convite a plantar eucalipto”

A eucaliptización do monte galego acelerouse nos últimos anos. De acordo cos cálculos máis cautelosos, tal como indicou a deputada, “a especie ocupa actualmente unhas 600.000 hectáreas e en poucos anos chegará ás 700.000”. O novo Plan Forestal contempla unha moratoria da plantación de eucalipto que, na súa opinión, “é un convite a que todo o mundo se poña a plantar de forma masiva antes de que o impidan”. As consecuencias desta decisión, segundo a deputada, sufrirémolas “dentro de dez ou quince anos, cando chegue o momento da corta e o prezo da madeira se afunda”. O BNG xa advertiu en reiteradas ocasións que a actual política forestal só beneficia á gran industria pasteira e madeireira, prexudicando de forma directa aos pequenos propietarios e ás comunidades de montes.

Enlace ao video do acto.

IMG_2970

A deputada González Albert denuncia en Mos os ataques da Xunta fronte á propiedade veciñal do monte