INFRAESTRUTURAS

O BNG de Mos solicita a revisión do proxecto da estrada Louriñó-Sobráns

IMG_20210326_161356
Estrada Louriñó-Sobráns

Gustavo Barcia denuncia que o documento, tal como está redactado, non é realista e reclama a paralización das obras para non seguir coa “chapuza”

A colocación de beirarrúas estase realizando a costa de achicar a calzada sen deixar o espazo mínimo necesario para o tránsito de vehículos

O BNG de Mos solicita a revisión do proxecto da estrada Louriñó-Sobráns

O BNG de Mos, solicitou, no último pleno, a paralización das obras de humanización da estrada Louriñó-Sobráns, que comezaron hai algunhas semanas na parroquia de Guizán. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, denuncia que “estamos ante unha nova chapuza do goberno do PP” e advirte de que “o que se está a facer carece do máis mínimo sentido”. Os operarios comezaron xa a colocar as beirarrúas nas marxes da estrada, pero non se executou a necesaria ampliación da calzada, de modo que resulta imposible garantir unhas condicións mínimas de seguridade viaria nunha zona de intenso tráfico de vehículos.

O grupo municipal do BNG solicitou a documentación do proxecto, que conta cun orzamento de preto de 300.000 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. De acordo cos planos, a beirarrúa debería contar cunha anchura mínima de 1,80 metros en todo o tramo afectado e a calzada debería dispoñer de 2,75 metros para cada carril. En total, a anchura debería roldar os 7,5 metros en toda a estrada, uns parámetros que están moi lonxe de cumprirse na maior parte do percorrido. Gustavo Barcia indica que o problema non reside só na execución das obras, senón na propia redacción do proxecto, pois “establece unhas dimensións que nalgúns treitos da estrada son materialmente imposibles”. Por este motivo, solicita tamén unha revisión completa do proxecto para adecualo á realidade.

“Chapuzas por todas partes”

En opinión de Gustavo Barcia, “a obsesión deste goberno, e da alcaldesa en particular, por facer fotos de inauguracións estaos levando a facer chapuzas por todas partes”. O concelleiro nacionalista afirma que “os proxectos ben feitos requiren moito tempo e bo financiamento” pero cre que “este goberno prefire facer moitas obras, mal feitas e mal financiadas, para sacarse fotos sen ofrecer unhas garantías mínimas de cumprimento das normas de seguridade viaria”. O BNG demanda un novo modelo de obra pública para o concello de Mos, con menos proxectos, pero máis ambiciosos, con perspectiva de futuro e que redunden no benestar da veciñanza.

O BNG de Mos solicita a revisión do proxecto da estrada Louriñó-Sobráns