HIXIENE DEMOCRÁTICA

O BNG leva a Nidia Arévalo ante a Valedora do Pobo por incumprir o regulamento do pleno

undefined
Gustavo Barcia

A alcaldesa adoita incumprir os tempos establecidos e en reiteradas ocasións negouse a concederlle a palabra, por alusións, a membros da oposición.

O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia cualifica de “caciquil e antidemocrática” a actitude do goberno do PP.

O BNG leva a Nidia Arévalo ante a Valedora do Pobo por incumprir o regulamento do pleno

Mos, 17 de febreiro de 2023. No pleno do Concello de Mos do pasado mes de xaneiro, o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, abandonou a sesión xunto aos concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal Socialista. No apartado de rogos e preguntas, a alcaldesa Nidia Arévalo realizou unha intervención de 15 minutos para criticar unha pregunta do BNG no Parlamento Galego, negándolle posteriormente o dereito a réplica, por alusións, aos membros da oposición. Deste modo, incumpriu varios puntos do regulamento municipal, onde se establece que os rogos van dirixidos exclusivamente aos órganos de Goberno e se fixan os límites de tempo para este tipo de intervencións: un minuto para a súa formulación e dous para a resposta.

Gustavo Barcia afirma que este non foi un episodio illado, xa que a alcaldesa “incumpriu de forma reiterada”, na súa opinión, o Regulamento Municipal do Pleno en todas as sesións do último mandato. Por este motivo, o portavoz nacionalista remitiu un escrito á Valedora do Pobo onde se lle solicita amparo ante a “actitude caciquil e antidemocrática” do goberno do PP. “Nos plenos do Concello de Mos son relativamente habituais as difamacións e mesmo os insultos contra membros da oposición”, indica Barcia, “pero a alcaldesa négase por regra xeral a conceder a palabra, para contestar, ás persoas ou grupos políticos aludidos”.

Cuestións de orde

En numerosas ocasións, o portavoz nacionalista advertiu, durante o desenvolvemento dos debates plenarios, do incumprimento do regulamento municipal formulando distintas cuestións de orde que a alcaldesa desatendeu de maneira sistemática. As “cuestións de orde” son a ferramenta que teñen á súa disposición os membros da corporación para reclamar o cumprimento da normativa e a presidenta do pleno ten a obriga de resolvelas durante o transcurso das sesións. Por outra parte, o BNG denuncia tamén que Nidia Arévalo contravén o regulamento pleno tras pleno ao pechar coa súa intervención os debates sobre as mocións presentadas dende a oposición, cando a norma di que o debate “se pechará cunha intervención do/a propoñente”. Ademais, a alcaldesa négase a acatar os tempos marcados, establecendo para as súas propias intervencións unha duración ilimitada.

 

Enlace ao escrito a Valedora

O BNG leva a Nidia Arévalo ante a Valedora do Pobo por incumprir o regulamento do pleno