TRANSPARENCIA
O BNG pide explicacións polos sobresoldos a familiares e militantes do PP de Mos
O irmán dun concelleiro percibiu en 2022, a través de decretos da Alcaldía, máis de 6.500 euros en concepto de “produtividade”
Gustavo Barcia considera “sospeitoso” que as retribucións extraordinarias adoiten repartirse entre persoas próximas ao Partido Popular
Mos, 15 de marzo de 2023. As contas do Concello de Mos do ano 2022 recollen unha serie de pagos a empregados e empregadas municipais que o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cualifica como “sospeitosos”. Baixo o epígrafe de “complementos de produtividade”, a Alcaldía pode conceder mensualmente suplementos salariais ás persoas que desenvolveran unha actividade de carácter extraordinario. Este tipo de remuneracións están recollida na Lei do Emprego Público de Galiza, pero en Mos, tal como denuncia Barcia, “os sobresoldos municipais adoitan repartirse de maneira inxustificada entre membros da executiva local do Partido Popular e familiares directos do equipo de goberno”.
O Concello de Mos conta actualmente con preto de 90 traballadores e traballadoras, pero apenas 17 cobraron algunha produtividade no último ano. Só seis destas persoas percibiron máis de 2.000 euros e entre elas, destaca con moita diferencia un funcionario do departamento de Vías e Obras que é, ademais, irmán dun concelleiro do PP. A alcaldesa asignoulle a este traballador, por decreto, importantes sobresoldos nos meses de xaneiro, xullo, agosto e setembro que suman, no seu conxunto, 6.533,85 euros. Esta mesma persoa foi tamén a segunda que máis produtividades cobrou en 2021, sempre en base a xustificacións xenéricas referidas a que “desempeñou o seu traballo con actividade extraordinaria” ou ao seu “especial interese e rendemento”.
Nepotismo
Gustavo Barcia advirte de que, “aínda que estas produtividades son formalmente legais, eticamente son máis que cuestionables”. Cre, ademais, que “estamos ante un posible caso de nepotismo, onde a alcaldía está a favorecer claramente a un familiar directo dun membro do equipo de Goberno”. Por este motivo, considera que “tanto Nidia Arévalo como o concelleiro aludido deben ofrecer explicacións sobre este desembolso arbitrario de diñeiro público e, se non son capaces de xustificalo, deberían asumir responsabilidades”. Na súa opinión, “resulta curioso que apenas uns poucos traballadores municipais sexan merecedores de produtividades e máis aínda, que na maior parte dos casos ocupen postos designados a dedo ou estean directamente relacionados co PP de Mos”. Considera que estamos ante “un novo exemplo do uso das institucións para beneficio propio” por parte do partido no goberno.