ECONOMÍA

O PP rexeita, de maneira irregular, a moción do BNG para crear unha mesa de diálogo sobre Monte Faquiña

Gustavo Barcia e Carlos Villar "Cao"

O BNG constatou, tras reunirse coas empresas e a Comunidade de Montes de Tameiga, que existe vontade de acordo por ambas partes.

A iniciativa, presentada no rexistro do Concello en tempo e forma, non foi admitida a trámite por decisión da alcaldesa.

O PP rexeita, de maneira irregular, a moción do BNG para crear unha mesa de diálogo sobre Monte Faquiña

Mos, 21 de marzo de 2023. O BNG de Mos cre que o goberno municipal debe asumir un rol "institucional, construtivo e imparcial" no litixio que varias empresas instaladas en Monte Faquiña manteñen coa Comunidade de Montes de Tameiga, entidade propietaria dos terreos. A situación, segundo o portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, "permanece enquistada, en boa medida, como consecuencia da posición sectaria e intransixente do PP de Nidia Arévalo". Na súa opinión, "o goberno decidiu tomar partido pola parte empresarial co único obxectivo de prexudicar á veciñanza comuneira, en lugar de buscar un acordo xusto entre as dúas partes para actualizar os prezos dos arrendamentos".

Nas últimas semanas, Gustavo Barcia e outros membros do Consello Local do BNG mantiveron reunións, por separado, coa cúpula da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) e a Comunidade de Montes de Tameiga. Estes encontros serviron para constatar que existe, por ambas partes, vontade de chegar a acordos e por este motivo, decidiuse propoñer no pleno a creación dunha mesa de diálogo onde o Concello asuma o papel de mediador. O BNG presentou a moción no rexistro en tempo e forma, pero a iniciativa non foi admitida a trámite, segundo explicaron dende a Administración Municipal, "por decisión da alcaldesa". Barcia denuncia que "se trata dunha decisión arbitraria e totalmente irregular", xa que non había motivos para impedir o debate e a votación desta iniciativa. "Deste modo, a señora Arévalo demostra que non está interesada en buscar solucións aos problemas, senón en prolongar a súa confrontación persoal coa Comunidade de Montes", indica o concelleiro.

A situación nos tribunais

Unha sentenza recente da Audiencia Provincial de Pontevedra deulle a razón á entidade propietaria dos terreos, ao determinar que estaba no seu dereito a revisar os contratos de arrendamento e axustar os prezos ás condicións actuais do mercado. Esta resolución da Xustiza, a pesar de ter moita importancia, non puxo punto final ao conflito, xa que algunhas das empresas afectadas seguen sen aceptar as novas condicións e é probable que o caso acabe no Tribunal Supremo. Esta situación, en opinión de Gustavo Barcia "non beneficia a ninguén", xa que "supón unha prolongación innecesaria do conflito e, en consecuencia, da situación de incerteza na que viven as persoas que traballan nestas empresas".

Clica para ir a moción rexeitada por Nidia Arévalo. 

O PP rexeita, de maneira irregular, a moción do BNG para crear unha mesa de diálogo sobre Monte Faquiña