ELECCIÓNS MUNICIPAIS
O BNG de Mos completa unha candidatura “preparada para gobernar” de cara ás eleccións do 28 de maio
O deputado Luís Bará e a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, participaron no acto de presentación da lista celebrado na Sala Rebullón das Pedriñas.
Gustavo Barcia: “este equipo destaca polo seu inquebrantable compromiso cun proxecto que aspira a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Mellorar os servizos públicos, dar resposta á crecente demanda de vivenda ou ofrecer un trato equitativo a toda a veciñanza son algunhas das claves do proxecto.
Mos, 3 de abril de 2023. O candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, xa desvelou o nome de todas as persoas que conforman a súa lista para as eleccións municipais. Un equipo, en palabras de Barcia, “preparado para gobernar e darlle un novo rumbo ao concello de Mos”. Realizou estas declaración no acto oficial de presentación da candidatura, celebrado na Sala Rebullón das Pedriñas e no que participaron tamén o deputado no Parlamento Galego Luís Bará e a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández. Na súa intervención, o actual portavoz nacionalista na corporación municipal expresou a súa vontade de “recuperar o Concello, non para o BNG senón para a xente” despois do 28 de maio. Aspira a “acadar o apoio maioritario da veciñanza” cunha lista paritaria na que figuran moitas caras novas xunto a persoas que xa asumiron responsabilidades de goberno en mandatos anteriores.
Gustavo Barcia presentou ás 25 persoas que conforman a lista como “un equipo que destaca non só por ter un gran currículo, senón polo seu inquebrantable compromiso cun proxecto que aspira a mellorar a calidade de vida da veciñanza”. A lista está conformada por xente procedente de ámbitos profesionais diversos, dos movementos sociais e do tecido asociativo das distintas parroquias de Mos. Son persoas, segundo o candidato á alcaldía, que se caracterizan “por ter esa ilusión que fai mudar o mundo, por combater a intolerancia e a inxustiza alí onde se produzan e por non renderse nunca”.
“Proxecto pensado por e para a xente”
O acto de presentación da candidatura serviu tamén para adiantar as principais liñas do programa de goberno do BNG de Mos para o mandato 2023-2027. Barcia explicou que se trata dun “proxecto pensado por e para a xente”, con propostas que son produto dos encontros abertos celebrados coa veciñanza de todas as parroquias e das reunións mantidas con asociacións veciñais, culturais, deportivas e sectoriais durante os últimos meses. O candidato á alcaldía comprometeuse a traballar para mellorar os servizos públicos, protexer os sectores máis vulnerables da poboación e dar resposta ás demandas de vivenda e emprego de calidade para a mocidade de Mos. Defendeu, ademais, a necesidade de ofrecer un trato equitativo a todos os colectivos sociais e veciñais, “desterrando para sempre o caciquismo e os especuladores do Concello”. Concluíu reivindicando que “basta xa de fotos e propaganda barata, o orgullo de ser de Mos ten que ser por ter bos servizos e calidade de vida”.
Candidatura do BNG de Mos para as eleccións municipais de 2023
1. Gustavo Barcia Seijo
2. Sara Samartín Rodríguez
3. Alberto Barreiro Ricón
4. Esther Rúas Miguélez
5. Carlos Villar Gutiérrez “Cao”
6. Sara Lorenzo Costas
7. Paco García Cobas
8. Ana Bar Rodríguez
9. David Otero Blanco “Pelu”
10. Lía Aldea Moreira
11. Oscar Rodríguez Campo
12. Isabel Ramilo Rivero
13. Diego Lago Alonso
14. Mirian Cabaleiro Montes
15. Pablo Novoa Bar
16. Mari Carme Vila Blanco
17. Miguel Aldea Moscoso
SUPLENTES
1. Fernando Gomes dos Santos
2. Tania Jorge Santos
3. Ramón Barcia Seijo
4. Marta Moreira Fontán
5. Diego López Pazo
6. Lucia Samartín Rodriguez
7. Cristina Represas Romero
8. Xosé Carlos Cabaleiro Romero “Pescador”
Accede a ligazón para coñecer a candidatura▶️ Candidatura