ENTREVISTA

"O goberno debe apoiar ao tecido asociativo sen amiguismos nin cacicadas"

Carlos Villar “Cao”, xerente da Sala Rebullón e nº 5 da candidatura do BNG de Mos

"O goberno debe apoiar ao tecido asociativo sen amiguismos nin cacicadas"

A Sala Rebullón consolidouse como un espazo de referencia para a escena musical e cultural galega. Cales son as claves do éxito?

Poucos espazos culturais están tan ben deseñados como A Rebullón. Tomás Ageitos é un dos mellores enxeñeiros de son de Europa e Xabi Carnota, outro referente nos escenarios. Xuntar a estes mega-cracks neste proxecto, para que te fagas unha idea, é como xuntar a Messi e Cristiano Ronaldo no mesmo equipo. Grazas ao seu traballo, podemos gozar da mellor acústica do País e dun dos escenarios máis cómodos para as artistas. Se a isto lle sumas que facemos as cousas con todo o corazón e tratando a público e artistas do mellor xeito posíbel, temos a sala na que todo o mundo quere actuar. Cada día recibo 10 ou 15 emails de bandas e compañías de teatro interesadas.

 

E todo isto conseguiuse sen o apoio do Concello?

O Concello... pois que queres que che diga. Desde non autorizar un ciclo de concertos financiado polo Xacobeo até tentar convencer a programadoras para que non veñan. Por outra parte, a Xunta de Galiza e o AGADIC consideran que non somos "profesionais" e non podemos optar a entrar na Rede Galega de Música ao Vivo, nin na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Non lles cabe na cabeza que As Pedriñas sexa o Centro Cultural Veciñal coa maior actividade cultural do País. A nivel institucional, contamos con colaboración da Deputación e non me canso de dicir que este proxecto non sería posíbel sen a confianza da Comunidade de Montes de Tameiga.

 

Como cres que debería cambiar a política cultural do Concello de Mos?

A concelleira de Cultura é tan inepta que nin as bases do "seu" Plan Cultural municipal é capaz de cumprir... A programación debería chegar a todas as parroquias e non só a dúas. A min, persoalmente, paréceme gravísimo que existan asociacións boas e asociacións malas para este goberno. En Mos temos moitísimo potencial, un tecido asociativo que traballa arreo para dinamizar este pobo e ao que o goberno municipal ten que apoiar sen amiguismos nin cacicadas.

Por outra parte, temos un multiúsos municipal totalmente infrautilizado e podrecendo cando podería acoller todo tipo de actividade cultural se investísemos no equipamento preciso para que o auditorio cumprira cun mínimo de necesidades técnicas. Pero claro, para iso hai que estar pendentes de convocatorias públicas, subvencións, etc.

"O goberno debe apoiar ao tecido asociativo sen amiguismos nin cacicadas"