O MUNDO DE FANTASÍA DE NIDIA
O BNG de Mos denuncia o “mundo de fantasía económica” do goberno do PP
As contas municipais están controladas polo Ministerio dende 2012 por mor dos oito millóns de euros en facturas atrasadas
Miguel Aldea: “Ata que pasen as eleccións non saberemos cantas facturas electoralistas deixarán gardadas no caixón”
O BNG de Mos vén de reiterar a súa preocupación pola situación financeira do Concello, particularmente trala publicación de varias informacións nas que a alcaldesa defende a súa xestión e afirma que está a poñer en marcha unha “política de contención económica”. O portavoz do grupo municipal do BNG, Miguel Aldea, cre que estas declaracións “son un claro exemplo de como intentan darlle a volta á realidade sen ningún rubor”. Na súa opinión, “o goberno do PP vive nun mundo de fantasía económica” e Nidia Arévalo “minte e fai demagoxia sobre o desastre económico do Concello”.
Dende o BNG lembran que as contas do Concello están controladas polo Ministerio de Facenda dende o ano 2012 en que se adheriu ao plan de pago a provedores, debido á existencia de oito millóns de euros en facturas atrasadas. Por este motivo, Miguel Aldea sinala que “o goberno do PP non decide facer contención de gastos, senón que ten que facela porque non lle queda máis remedio e o informe de Intervención que acompaña os orzamentos explícao moi claramente”.
O portavoz do BNG reiterou, ademais, a súa indignación ante os recoñecementos extraxudiciais de crédito que o goberno do PP solicitou nos últimos anos. O último, aprobado no pleno do mes de febreiro, ascendeu 630.000 euros e en exercicios anteriores a cifra aproximouse ao millón de euros. Segundo Aldea, “a eles parécelles normal levar esas cantidades, pero deberían ler o que di o portavoz do seu partido no concello de Salceda e aplicarse o conto aínda que non lles guste”.
“Lévannos cara ao desastre económico”
Para o BNG, o goberno do PP fai demagoxia ao presentar as contas municipais. “Levan as rendas econóomicas do Concello dende hai dez anos, dirixíndonos cara ao desastre económico que acabaremos sufrindo entre todas as persoas que pagamos impostos”, insiste Aldea, que non oculta a súa preocupación ante os gastos nos que poidan incorrer durante o período preelectoral. “Cantas facturas van quedar gardadas no caixón? Non o saberemos ata que pasen as eleccións municipais”.