O DESCONTROL DO PP
O goberno do PP leva 630.000 euros en facturas atrasadas ao pleno do mes de febreiro
As facturas son de anos anteriores e non se puideron aprobar por falla de orzamento ou non seguir o procedemento adecuado
O portavoz do BNG, Miguel Anxo Aldea, considera que “isto deixa ver o nefasto control económico do goberno do PP”
Un dos puntos a tratar no próximo pleno do Concello de Mos, que se celebrará este luns, 22 de febreiro, será a aprobación dun novo recoñecemento extraxudicial de crédito. Este procedemento actívase cando hai que aprobar facturas atrasadas, que son de anos distintos ao actual e que non se puideron aprobar por falla de orzamento ou por non seguir o procedemento adecuado. Normalmente vense facendo por cantidades non moi grandes, pero a que se vai levar a este pleno demostra, en opinión do portavoz do Grupo Municipal do BNG, Miguel Anxo Aldea, que “o desastre económico deste concello continúa”.
O recoñecemento de facturas ascende á cantidade, nada desprezable, de 630.000 euros e aprobarase, con toda probabilidade, cos votos a favor do PP. É unha cifra similar á que se levou a pleno o ano pasado e non está moi lonxe do récord acadado en 2015, cando o goberno de Nidia Arévalo aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito de case un millón de euros.
Segundo Aldea, “as advertencias por parte da intervención do concello son continuas e no PP son perfectamente conscientes de que se están incumprindo as normas”. Cando se realizaron estes gastos non había orzamento suficiente para afrontalos e calquera solución para a precaria situación das arcas municipais pasa necesariamente por reducir os gastos innecesarios.
Enxeñaría contable
O portavoz do BNG afirma que “levar a pleno este enorme número de facturas deixa ver o nefasto control económico do goberno do PP, que presume de ter mellorado a economía municipal, pero queda claro que é só propaganda”. Denuncia, ademais, que esta práctica xa se repetiu en anos anteriores e que é o que se chama “limpar os caixóns das facturas acumuladas”. En opinión de Aldea, “isto é pura enxeñaría contable e mentres tanto, os cidadáns a pagar impostos e a sufrir”.