ELECCIÓNS MUNICIPAIS
O BNG de Mos desvela o seu programa de goberno, concibido para mellorar a calidade de vida da veciñanza
Servizos, vivenda pública, urbanismo sustentable, benestar social e equidade de trato son os eixos en torno aos que se articula a proposta nacionalista.
Gustavo Barcia: “Presentamos máis dun cento de medidas concretas, realistas e realizables que son produto do contacto permanente co tecido asociativo”.
Mos, 9 de maio de 2023. O BNG de Mos acudirá ás urnas, o próximo 28 de maio, “co firme obxectivo de gañar e formar goberno”. Así o manifestou o candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, na presentación do programa para o mandato 2023-2027. A formación nacionalista acaba de facer público o documento, no que se recollen moitas das propostas compiladas nas reunións celebradas, durante os últimos meses, con representantes de asociacións culturais, sociais, sectoriais, veciñais e deportivas de todo o concello. “En total, recollemos máis dun cento de medidas realistas, realizables e necesarias para construír o concello que queremos e merecemos”, apunta Gustavo Barcia, “e durante a campaña traballaremos arreo para darllas a coñecer a toda a veciñanza”.
Un dos eixos en torno aos que se articulan as propostas do BNG é a mellora dos servizos públicos. ”A centralización nas Pozas de moitos equipamentos municipais que actualmente están espallados polo concello permitiranos poñer en marcha unha rede de transporte que conecte, de maneira eficaz, o futuro centro urbano con todas as parroquias”, adianta Barcia. O proxecto encabezado por el contempla, ademais, a construcción de vivenda pública en réxime de venda e aluguer, a planificación racional das obras para os catro anos de mandato, medidas para a protección dos montes en man común, axudas para as traídas veciñais de augas ou máis persoal e medios materiais para os Servizos Sociais. Todo isto, en palabras do candidato, “garantindo a equidade de trato para toda a veciñanza e o tecido asociativo, deixando atrás dunha vez e para sempre o caciquismo do Partido Popular”:
Viabilidade económica
O BNG contempla, na súa proposta, un incremento notable do investimento en benestar, cultura ou deporte, entre outros departamentos. “Queremos reforzar as áreas que teñen unha maior incidencia na calidade de vida das persoas”, explica Gustavo Barcia, “e para conseguilo será necesario mudar, de maneira radical, a nefasta xestión económica do PP de Nidia Arévalo”. O programa, que xa se pode descargar da web do BNG de Mos, inclúe unha serie de medidas de aforro que garantirán a viabilidade económica do proxecto. Algunhas das partidas que quere recortar a formación nacionalista son as destinadas a publicidade institucional, merchandising, carpas ou pantallas led, “gastos superfluos que supuxeron unha carga importante para as arcas municipais nos últimos anos”, segundo Barcia. A isto habería que sumar, de acordo cos cálculos do candidato á alcaldía, “máis de 240.000 euros que nos imos aforrar mediante a instalación de paneis solares ou a renovación das luminarias, entre outras medidas de eficiencia enerxética”.