MEDIO AMBIENTE

O BNG comprométese a ampliar o paseo do Louro preservando os valores naturais da contorna

Gustavo Barcia, Paco G. Cobas e Xosé Carlos Cabaleiro "Pesca"

A alcaldesa foi incapaz de aclarar se contaba co permiso da Confederación Hidrográfica para formigonar un treito de máis de 50 metros pegado ao curso fluvial.

Gustavo Barcia lembra que a construción da senda foi unha iniciativa do BNG e lamenta a “desnaturalización” da ribeira do Louro provocada polas reformas do PP.

O BNG comprométese a ampliar o paseo do Louro preservando os valores naturais da contorna

Mos, 4 de maio de 2023. O portavoz do BNG no Concello de Mos e candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, cualificou de “agresión paisaxística e ambiental” a reparación acometida no paseo do Louro, nas inmediacións da Ponte do Río, hai apenas unhas semanas. Nas vésperas da celebración dunha andaina, o goberno municipal decidiu levantar un novo muro pegado ao cauce do río e cubrir de formigón a superficie da senda, nun tramo de máis de 50 metros de lonxitude que transcorría previamente por debaixo dun emparrado. No último pleno, Barcia preguntou se esta intervención contaba co autorización da Confederación Hidrográfica, pero a alcaldesa, Nidia Arévalo, foi incapaz de responder con claridade e limitouse a dicir que había un informe técnico “sobre a emerxencia que supoñía” a situación dese treito da senda.

Gustavo Barcia considera que esta obra é “unha nova chapuza do PP, realizada ás presas e carente do máis mínimo respecto cara ao medio ambiente”. O concelleiro nacionalista denuncia que “non se trata dunha actuación illada” e sinala que o PP, dende a súa chegada ao goberno municipal en 2008, “puxo en marcha unha serie de reformas que levaron á progresiva desnaturalización do curso e as marxes do Louro”. Barcia lembra que o paseo foi construído “por iniciativa do BNG cando estabamos no goberno” e indica que “a idea orixinal era habilitar unha senda de terra, respectuosa cos valores naturais da contorna e accesible para as persoas con mobilidade reducida”. Ese mesmo modelo de paseo é o que defenderá a formación nacionalista no seu programa de goberno para as eleccións do 28 de maio. “Queremos paseo e queremos amplialo ata o Porriño”, apunta Barcia, “pero sen encher de formigón a beira do río”.

Recuperar os ríos

As diferencias de criterio en torno ás reformas acometidas no paseo fanse extensivas tamén ao estado de conservación do propio río. O BNG denunciou, en reiteradas ocasións, o abandono de moitas construcións situadas á beira do Louro e de feito, nos últimos anos varios muros caeron á auga sen que ninguén se preocupara por retirar os cascallos. “É necesario poñer en marcha un plan integral de recuperación do leito e as marxes do Louro e de todos os cursos fluviais do concello”, indica Gustavo Barcia, “xa que o PP de Nidia Arévalo se desentendeu por completo desta responsabilidade. Para esta tarefa, entende que o Concello debe contar co apoio da administración central, pero os sucesivos gobernos de PP e PSOE negáronse a incorporar aos orzamentos do Estado as partidas solicitadas polo BNG, en Madrid, para atender a situación de emerxencia ambiental do río Louro.

O BNG comprométese a ampliar o paseo do Louro preservando os valores naturais da contorna