URBANISMO
O BNG reclama á Xunta que faga cumprir a sentenza que declara ilegal a cidade deportiva do Celta en Mos
A fronte nacionalista rexistra unha iniciativa no Parlamento galego para demandar a restitución da legalidade urbanística nos terreos comunais após o novo fallo xudicial.
Alexandra Fernández: “Resulta inadmisíbel que ante esta sentenza o presidente Alfonso Rueda afirme que o Goberno Galego vai procurar a legalización do proxecto”.
Gustavo Barcia: “A pesar do servilismo do PP, os especuladores acabarán véndose na obriga de renunciar ás súas pretensións sobre o monte de Tameiga”.
Mos, 1 de maio de 2023. O Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta que faga cumprir a nova sentenza que confirma a ilegalidade da cidade deportiva do Real Club Celta en Mos. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para esixir a restitución urbanística nos terreos comunais após o novo fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que desestima o recurso de casación formulado polo Concello de Mos.
Así, a deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou a “permanente conivencia” do Goberno galego con este “pelotazo urbanístico” malia as sucesivas sentenzas xudiciais contrarias, os numerosos informes que alertan sobre os graves impactos ambientais e a ampla oposición veciñal. “As declaracións de Alfonso Rueda e antes de Alberto Núñez Feixóo sobre as bondades deste macroproxecto comercial contrastan coas súas reiteradas evasivas a respecto dos fallos xudiciais”, criticou
Fernández afeou que o PP, tanto na Xunta como no Concello de Mos, consentisen e facilitasen a edificación sobre 3.000 metros cadrados de solo rústico de especial protección, mediante unha fragmentación declarada fraudulenta. “Resulta inadmisíbel que ante esta nova sentenza o presidente da Xunta afirme que o seu goberno vai procurar a súa legalización”, advertiu a deputada nacionalista.
Lembrou, nese sentido, as obxeccións formuladas por numerosos organismos públicos que apuntan un grave impacto paisaxístico, contradicións cun modelo de mobilidade sostíbel, falla de xustificación para expropiar terreos en man común e destrución de masa forestal fundamental para protexer o solo e os recursos hídricos.Dende o BNG insisten ademais en que este macroproxecto carece de interese público e só favorece o beneficio privado dun empresario como o presidente do Celta, Carlos Mouriño, coa recalificación de terreos forestais “a catro pesos grazas ao apoio do PP”
Plan Especial
O candidato á alcaldía de Mos e portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, lembra ademais que o Plan Especial, "aprobado polo PP co apoio de dous concelleiros tránsfugas para darlle cobertura legal ás obras", está tamén recorrido nos tribunais. O concelleiro amósase convencido de que “a pesar do servilismo do goberno de Nidia Arévalo e a Xunta de Rueda, os especuladores acabarán véndose na obriga de renunciar ás súas pretensións sobre o monte de Tameiga”. Insiste en que “as sentenzas contrarias, a mobilización veciñal e o resultado electoral do próximo 28 de maio serán as claves que permitirán frear o pelotazo”.