SERVIZOS

O BNG de Mos presenta un recurso fronte á adxudicación do novo contrato do lixo

Gustavo Barcia e Alberto Barreiro nº3 da candidatura do BNG de Mos

A empresa adxudicataria, FCC, presentou unha oferta que non garante a continuidade dos postos de traballo.

Gustavo Barcia lembra que o servizo presenta, na actualidade, “graves deficiencias” que non se verán corrixidas.

O BNG de Mos presenta un recurso fronte á adxudicación do novo contrato do lixo

Mos, 27 de abril de 2023. O pleno do Concello de Mos aprobou, o pasado mes de marzo, a adxudicación do contrato administrativo do servizo de recollida, transporte e xestión de residuos sólidos urbanos á empresa FCC. Esta decisión contou co voto en contra do BNG, ao considerar que a oferta presentada non se axustaba aos termos establecidos no prego de condicións, particularmente no referido aos medios persoais destinados ao servizo. O portavoz nacionalista e candidato á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, advertiu desta irregularidade, tanto na comisión informativa como na propia sesión plenaria, pero o goberno do Partido Popular negouse a revisar a oferta ou a solicitarlle as aclaracións oportunas á empresa. Atendendo a esta situación, o concelleiro decidiu presentar un recurso administrativo.

A actual adxudicataria, Urbaser, conta con 15 persoas contratadas, das cales 11 están a xornada completa e catro a tempo parcial. Na súa oferta, FCC establece un cadro de persoal de 13 operarios e operarias de media anual equivalente, sen especificar o número total de horas contratadas, o convenio colectivo utilizado nin as futuras revisións salariais para os seis anos que dura a adxudicación. Con estas condicións, non se garante a subrogación de todos postos de traballo nin as retribucións ligadas a antigüidade, complementos, categoría, etc. A outra oferta, presentada por Urbaser, establecía un cadro de persoal de 17,65, asegurando deste modo a continuidade dos postos de traballo tal como se esixe no propio prego de condicións. En calquera caso, Gustavo Barcia amósase moi crítico tamén coa prestación actual do servizo, a cargo desta última empresa, xa que na actualidade a recollida do lixo presenta, na súa opinión, “graves deficiencias”.

Dúbidas sobre a calidade do servizo

Barcia sinala que “é necesario velar pola saúde das arcas municipais, pero a oferta máis económica non sempre é a mellor” e cre que o novo contrato “tampouco asegura unha prestación de servizos adecuada e axustada ás necesidades do concello”. A oferta de FCC inclúe a recollida de lixo de carga lateral, un sistema para o que unicamente sería preciso o condutor do camión, pero o portavoz nacionalista ten dúbidas sobre a viabilidade desta opción. “En Mos, a carga lateral non se permite en moitos lugares debido á falta de núcleo, á distribución das vivendas e á disposición dos camiños”, tal como indica o concelleiro. Por este motivo, entende que o novo sistema de recollida “non pode xustificar un incumprimento no prego de condicións no relativo ao persoal necesario”.

O BNG de Mos presenta un recurso fronte á adxudicación do novo contrato do lixo