URBANISMO
Gustavo Barcia reitera o seu compromiso para “frear o pelotazo” tras confirmarse a ilegalidade das licenzas do Celta
O candidato á alcaldía do BNG lembra que o plan especial co que se lle pretende dar cobertura legal á obra tamén está recorrido nos tribunais.
As sentenzas contrarias, a mobilización veciñal e o cambio no goberno municipal impedirán que Mouriño se apropie do monte veciñal.
Mos, 26 de abril de 2023. A xustiza deulle a razón, finalmente, á veciñanza comuneira de Tameiga que leva cinco anos defendendo o monte e a auga. Unha nova sentenza vén confirmar a resolución adoptada hai máis dun ano, fronte á que o PP de Nidia Arévalo decidira presentar un recurso a cargo das arcas municipais. As licenzas coas que o Real Club Celta construíu dous campos de fútbol e uns vestiarios foron ilegais, pero o candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, está convencido de que “tanto o PP como Carlos Mouriño seguirán utilizando todos os resortes do poder ao seu alcance para conseguir o seu fin, que non é outro que facerse co monte e dar un pelotazo”.
Nos últimos anos, a pesar da oposición veciñal e as numerosas irregularidades do proxecto, o goberno de Nidia Arévalo púxose á enteira disposición dos especuladores. Primeiro, cunha modificación do PXOM que quedou paralizada tralos informes de Fomento. Despois, cunhas licenzas que a xustiza acaba de declarar ilegais de maneira firme e logo, cun plan especial que lograron aprobar no pleno pero que tamén está pendente dunha resolución xudicial. Como último recurso, buscaron unha declaración de interese autonómico por parte da Xunta de Galiza, pero isto, segundo Barcia, “non é máis ca un novo subterfuxio do PP para favorecer os intereses particulares dun empresario fronte o ben común”.
Tras esta última sentenza, Gustavo Barcia reiterou o seu compromiso para “frear o pelotazo” e amosouse convencido de que Carlos Mouriño se verá na obriga de renunciar ás súas pretensións de facer negocio a costa do monte de Tameiga e os mananciais que abastecen de auga a milleiros de fogares. “Os recursos presentados ante a Xustiza, a mobilización da veciñanza e o cambio no goberno municipal que se producirá o próximo 28 de maio permitirán poñer punto e final á ameaza”, indica o candidato á alcaldía. “Fronte a un PP que se sitúa sempre do lado dos especuladores, dende o BNG defendemos e defenderemos sempre o monte comunal, en Tameiga e en todas as parroquias de Mos”.